Talento da Costa da Morte finalista aos Premios Martín Códax da Música

Patricia Blanco
P. Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

De Ninghures no exterior dos Estudos Mans de A Coruña, onde gravaron «Morena».
De Ninghures no exterior dos Estudos Mans de A Coruña, onde gravaron «Morena». Pavlo Sampayo

De Ninghures, Caamaño&Ameixeiras e Antía Muíño precisan agora o apoio do público que, por vez primeira, pode participar das votacións

15 may 2024 . Actualizado a las 22:34 h.

Definiu Xurxo Souto os Premios Martín Códax da Música como «unha grande celebración da selva diversa e espectacular da música galega contemporánea». E nesa selva, ben presente, a Costa da Morte. Tivo que peneirar o xurado entre máis de 400 candidaturas, mais logo desa selección quedaron 57 proxectos finalistas en 19 categorías. Tres son da Costa da Morte. Na categoría folk, con Susana Seivane, están nominados o dúo Caamaño&Ameixeiras e De Ninghures. Na categoría de canción de autor, Antía Muíño, de par de Guadi Galego e A Pedreira.

Caamaño&Ameixeiras son Sabela Caamaño, con raíces en Carnota, e Antía Ameixeiras, baiesa-laxense. Gañaron xa un Martín Codax no 2021. Publicaban a finais do 2023 o seu segundo disco, Quitar o aire, achegamento á ritoloxía dende unha mirada baleira de prexuízos. Bélxica e Holanda serán, nas vindeiras horas, algúns dos lugares nos que actuará a formación.

De Ninghures, pola súa banda, vén dando que falar este ano. A comezos deste mes, a súa peza Morena foi elixida como a mellor canción do ano en Galicia por aRi(t)mar. En segundo lugar quedou Ai de min, de Caamaño&Ameixeiras. A parte bergantiñá de De Ninghures vén por Hadrián García, docente, guía, regueifeiro. E Manuel Fernández, Cataqui, aínda que fonsagradino, é tamén xa un pouco destas terras, docente no instituto Alfredo Brañas de Carballo, antes no Parga Pondal. Ten raíces en Cee e Baio Antía Muíño, voz xa imprescidible no panorama musical galego, Premio Martín Códax á artista emerxente no 2022. O seu coidado disco Carta Aberta non puido ter sido mellor presentación.

BASILIO BELLO

Os gañadores daranse a coñecer o 15 de maio, mais antes, e isto é novidade este ano, o público ten capacidade de votación. Dende onte e ata o 12 de maio pódese tomar parte na escolla a través da web premiosmartincodaxdamusica.gal. Mediante un sistema de puntos, o único requisito é votar, cando menos, en cinco categorías e validar a elección. No reconto final, a opinión do público representará o 50 % do baremo, mentres que a metade restante ficará nas mans dos socios e socias de Músicas ao Vivo, asociación organizadora desta convocatoria que chega á súa 11.ª edición. Pode informarse de quen son todos os finalistas nesta nova.