O Concello e a Mesa pola Normalización Lingüística presentaron a adaptación do tema «Parabéns para ti»
12 feb 2015 . Actualizado a las 05:00 h.O auditorio da biblioteca carballesa Rego da Balsa encheuse onte pola tarde para asistir a un acto dobremente festivo e co que Carballo quere facer unha invitación ás familias de toda Galicia para que incorporen o galego a un novo eido. Ante boa parte dos colaboradores da iniciativa, das autoridades e doutros espectadores diversos foi presentado o videoclip impulsado polo Concello e a Mesa pola Normalización Lingüística para que nos aniversarios dos nenos galegos poidan ser parabenizados neste idioma cunha canción e un vídeo gravados expresamente para tal fin.
«Era un oco que existía ata agora», destacou na estrea de Parabéns para ti o concelleiro de Normalización Lingüística, Xosé Regueira, e así o confirmou tamén o presidente da Mesa, Marcos Maceiras, quen sinalou que se trata de algo sinxelo, pero ao mesmo tempo dun importante paso adiante.
Así o entendeu tamén o público, que saudou con aplausos a todos os colaboradores do videoclip, como Nanny Mouro -autor da adaptación musical e un dos responsables de Mamá Lola, a empresa que gravou o videoclip-, os nenos que puxeron as súas voces -Paula Fraga, Carla Serrano, Julia Antelo, Noah Abelenda e Sara Pose- e os integrantes da agrupación coral e teatral Vagalume, que se ocuparon da posta en escena do vídeo, e en cuxo nome falou o seu director Javier Fraga. «Buscaban talento e beleza así que quen mellor que nós», dixo con humor antes de animar a todos os presentes a axudar a difundir o videoclip.
O Concello vaino distribuir a través dos centros educativos, nas súas propias instalacións e nas empresas que organizan festas, pero a súa intención é que chegue a todos os galegos polo que tamén empregará, xunto coa Mesa pola Normalizacións, Internet e as redes sociais.
A estrea non puido ser mellor, posto que os presentes onte na biblioteca -entre eles, as concelleiras Milagros Lantes e Mar Eirís, e o normalizador lingüístico Nel Vidal- recibiu o videoclip cun sonoro aplauso e mesmo se animou a seguir o ritmo coas palmas durante o bis posterior. O alcalde, Evencio Ferreiro, tampouco se quixo perder a estrea deste Parabéns para ti, e fixo acto de presenza en metade do bis, polo que aínda houbo outra repetición máis para que o puidese ver íntegro, feito que foi recibido con humor polo público e con novos aplausos.