Galeatro: unha compañía de teatro profesional bota a andar en Carballo

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Á esquerda, Alba Bermúdez, no auditorio do Pazo de Carballo; á dereita, Tone Martínez, representando «De leria con Castelao».
Á esquerda, Alba Bermúdez, no auditorio do Pazo de Carballo; á dereita, Tone Martínez, representando «De leria con Castelao». j. m. casal, cedida< / span>

A carballesa Alba Bermúdez anda metida de cheo neste novo proxecto

14 oct 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A criatura tardou un pouco en dar pasos en firme, pero agora, se hai sorte, xa non haberá quen a pare. «En Carballo non había unha compañía profesional de teatro», di a carballesa Alba Bermúdez (1989). E iso foi o crearon xa aló polo 2013, pero sen sede fixa e un tanto por riba, aínda que si viñan traballando: «Estabamos con outras cousas». Agora, neste 2015, chegou o empuxe definitivo, ao darlle á formación teatral, entre outras cousas, unha localidade de pertenza: efectivamente, Carballo. «Ao ser eu de aquí, tirei...», bromea Alba. Galeatro é o nome da compañía, integrada por dous licenciados en Arte Dramático (Bermúdez e Tone Martínez, coruñés), así como por unha graduada en Ciencias Políticas, Cristina Ramos, e un graduado en Maxisterio, Jorge López. Ramos, conta Alba, encárgase en grande parte da cuestión de venda, mentres que López é o responsable dos textos, o que investiga e vai escribindo.

Castelao, Rosalía...

Galeatro naceu cun obxectivo principal, o de achegarlle aos espectadores, e sobre todo aos adolescentes, figuras clave da literatura galega. Nesa idea se sostén precisamente a función De leria con Castelao, un repaso pola súa vida e a súa obra. «Traballamos sobre todo nestes momentos con público adolescente -conta Alba-, porque criamos que aí había un oco. Hai obras de teatro para nenos, obras infantís, e hai obras tamén para adultos, pero pensadas para os adolescentes, aínda que puidesen ver as dos adultos, non tanto». É por iso que boa parte do traballo que fan é en institutos: son obras de carácter didáctico. Ao ir xirando con Castelao tamén lles preguntaban por Rosalía, e así foi agromando outra das funcións de Galeatro, que agardan estrear en xaneiro: Rosalía, a rosa das cen follas. A estrear en novembro teñen Identifícat-T, unha obra interactiva na que o público, coma se estivese nunha especie de concurso televisivo, ha de detectar comportamentos que promoven a violencia machista, primeiro paso para ir erradicando esa lacra social.

Actuar e ensinar

Para Galeatro, actuar ten que ir tamén da man da formación: «É moi importante que se faga teatro», di Alba. Por iso que traballan en colexios, impartindo sesións, e tamén con algún concello, como o de Bergondo. Tanto Alba como Tone están integrados na compañía Tiatreros, ela máis ben como contacontos agora. Foi con esta formación coa que, no FIOT do 2013, se subiu ao escenario do ciclo Obxecto Teatral Non Identificado (OTNI) coa obra Hámster. De nena ten participado no Certamen de Teatro Lido Xosé Manuel Eirís, a maiores de prestar auxilio como voluntaria. Por se isto fose pouco, Alba Bermúdez é a directora das pequenas intervencións teatrais que estes días poderán ver os que participan na ruta gastronómica Dálle un bocado ao FIOT: os propios actores son carballeses, xa que presta a súa colaboración Vagalume.

Di Bermúdez que aínda tendo a Aula de Teatro Municipal e unha programación «marabillosa» ao longo do ano, faltaba quizais a rama da formación teatral e ter unha compañía de seu na capital de Bergantiños: para cubrir esas partes naceu Galeatro.

É unha formación que aposta por divulgar figuras relevantes da literatura galega