«Gustaríame que o lector se sentira como se o sacara a bailar»

V. Couto / Á. palmou

CARBALLO MUNICIPIO

TERESA BÚA

A autora presenta estes días o seu novo libro e prepara a súa participación en varios simposios

18 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Rosalía Fernández Rial (Carballo, 1988) non para estes días. Onte presentou en Compostela o seu novo poemario, Sacar a bailar, e mañá fará outro tanto na súa vila natal (Pazo da Cultura, 19.30). Ademais, xa está na imprenta a súa seguinte obra, Aula sen paredes, e a próxima semana participará en dous simposios da Real Academia Galega e da Facultade de Ciencias da Educación de Santiago.

-Un título moi suxerente «Sacar a bailar».

-Si, desde logo. Sacar a bailar é unha compilación de poesía e o título vén precisamente porque me din conta de que era unha especie de acto subxacente a todo o percorrido. Hai unha certa festividade poética de xeito transversal en toda a obra.

-¿Cal é o porqué deste libro?

-Trátase de, por unha banda volver a vista atrás, aos inicios, que están moi vinculados a Carballo e a Lumieira, pero dalgún xeito tamén é unha continuación cara adiante. É como repasar a traxectoria para coller impulso cara o futuro. Remata cuns poemas inéditos que apuntan novas liñas. E o acto de sacar bailar tamén implica o tránsito da poesía escrita cara a acción, cara a poesía de carácter máis escénico.

-A escena cada vez está máis presente na súa actividade.

-Esa interrelación do poético na escena, da poesía dentro do teatro, do teatro poético, é unha evolución que veu acontecendo desde o principio, pero que agora se acentuou notablemente. Esas dúas facetas fóronse fusionando ata dar lugar a ese Sacar a bailar, por iso tamén este repaso artístico chega no momento preciso; necesitaba esa revisión en espiral, era o momento de facelo.

-¿Busca que os lectores sintan algo concreto ou sérvelle simplemente con que sintan?

-Estou de acordo coa segunda idea. Penso que os libros, as obras, as pezas artísticas en xeral, unha vez que transcenden do persoal ao público pasan a ser máis dos receptores que do emisor. E as veces ten unha visión moito máis obxectiva, con máis perspectiva, calquera persoa que sinta algo con ela que o autor. A min o que me gustaría sería que o lector se sentira como se o sacaran a bailar, que o poeta ao danzar coas palabras convidase ao lector ou lectora a bailar cos versos e a sentir. Simplemente sentir xa é absolutamente marabilloso.

-Onte presentou o libro en Santiago e mañá xa o traerá a Carballo.

-Claro que si, Hai que volver sempre á casa, ás orixes, como dicía Manuel María. Mañá estaremos en Carballo e ademais teremos o toque musical de ELO, ese conxunto musical que teño con Serxio Moreira. Todas as persoas que se acheguen serán benvidas.

-Ademais, o martes participará na Coruña no simposio de RAG sobre Manuel María.

-Si, un dos meus papeis será a participación nunha mesa colectiva na que analizaremos a súa traxectoria vital e como esta inflúe na súa obra; eu ocupareime do primeiro Manuel María, desde os anos 50, cando empeza a compoñer Muiñeiro de brétemas, ata a década dos 60. Ademais participarei no recital co que se pechará esa primeira xornada.

-E só uns días despois intervirá nun curso da USC sobre a ensinanza de linguas.

-Si, e aí está outra das tarefas que más me ilusionan e na que máis estou traballando nos últimos anos: levar todo iso do que falabamos, o poético e o teatral, ás aulas e convertelo nunha ferramenta pedagóxica que sirva para mellorar e optimizar o ensino e o aprendizaxe de linguas. En breve vai saír tamén Aula sen paredes, que está xa na imprenta, e falarei precisamente desa vertente máis pedagóxica dentro da expresión artística.