A actriz María Tasende: «Este é o meu Nadal máis estraño»

Santiago Garrido Rial
s. g. rial CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

.

Uvas contadas | María pasa as primeiras festas sen o seu pai e rodando sen pausa a serie «Saudade de ti»

01 ene 2024 . Actualizado a las 21:56 h.

A actriz María Tasende Cotelo (1977), que atesoura unha ampla traxectoria artística xa moi consolidada, pasa estas datas a tope de traballo, xa que está rodando a terceira temporada de Saudade de ti, producida por Voz Audiovisual, que se emitirá na TVG. Polo tanto, non ten precisamente unhas vacacións convencionais. Pero o Nadal tamén é moi distinto porque é o primeiro da súa vida (e da súa familia) sen seu pai, o pediatra Pedro Tasende, que faleceu en xaneiro deste ano.

—Días distintos.

—Si, están sendo as Navidades menos Navidades que vivín ata agora. Por iso, pola falta de meu pai, a sensación de que hai algo estraño no ambiente, falta algo. Na cea de Noiteboa foi bonita, pero... E coa serie tampouco teño a sensación de vacacións de Nadal. Se non chega a ser que vexo luces e árbores por aí, non me dou conta de que é Nadal. É o Nadal máis estraño da miña vida.

—As ausencias, se cadra, nótanse máis agora.

—Para min segue estando moi presente. Días que menos, días que máis. Teño a sensación de que foi moi recente. Non teño referencia temporal, e perdura iso de non crer que non está. Tiña un vínculo tan forte con el que... É duro. Fago cousas que se cadra son un pouco estrañas, como levarlle algunha cousa ao cemiterio, dependendo da época, do momento, do que lle gustaba. De súpeto entendo as ofrendas que se facían antigamente.

—Achégase cada vez máis a Montecelo, ás súas raíces?

—Todo o que ten que ver coa casa, con Montecelo... Hai aí algo ao que estou superaferrada. Se antes xa tiña coidado con ela, agora mesmo máis. Si, diría que si. Xa o tiña antes, moitísimo respecto, ao seu lugar de nacemento, pero iso intensifícase. E non paro de atoparme con xente que me fala del. Imaxino a súa vida alí, cando era pequeno. Bonito e melancólico. E seguen chamando emigrantes de Suíza que veñen a pasar uns días no Nadal, e chaman e preguntan por el, para facerlle as revisións aos nenos, como fixeron durante moitos anos eles mesmos, que eran pacientes e tiveron fillos. Era algo sempre habitual por estas datas, pero o deste ano é espectacular, case todos os días hai alguén que chama, unha ou dúas persoas. E claro, hai que explicarlle que xa non está, que xa non consulta. Un dato curioso que fai que meu pai estea tamén moi presente.

—E a rodaxe? Lévase ben nesta época?

—Unha serie diaria leva un ritmo de gravación moi, moi esixente. Moitas horas para gravar, moitas horas de estudo na casa. A xornada non remata cando saes de gravar, chegas á casa e continúas. É moi intenso. Esta terceira tempada lévoa moito mellor, porque a segunda coincidiu xusto, á semana, co de meu pai, e aínda non sei como fun capaz. Agora lévoo con máis tranquilidade. E hai un equipo humano tan bo, no que nos entendemos e o pasamos tan ben, que é levadeiro.

—A segunda tempada tivo boa audiencia.

—Si, funcionou moi ben, e iso que entre a primeira e a segunda pasaran bastantes meses, como vai ocorrer agora. Esperemos que os espectadores nos desculpen por ese tempo e se reenganchen outra vez.

—A súa vida estivo moi ligada a Madrid, agora máis a Galicia. Mantén esa ponte?

—Nos últimos anos, por cuestións de traballo, e tamén de familia, estou máis aquí que aló. Pero sempre teño un vínculo con Madrid e intento ir bastante a miúdo. Pero, como actriz, eu estarei vinculada a onde me saia o traballo. Paso máis tempo en Galicia, antes botaba máis de menos Madrid (gústame para ir de vez en cando, ou algún proxecto), será que me vou facendo maior que cada vez estou máis a gusto aquí.

ANA GARCIA

—O seu Nadal habitual era estar aquí ou viaxar?

—Normalmente, en Carballo, ou Montecelo, cando vivía miña avoa. Eu sempre fun moi navideña, de montar todo. Este ano foi o primeiro que non puxen nada diso. E tiven unha época na que me gustaba moito viaxar. Dous Nadais fun con amigas a unha illa de Brasil, fora unha marabilla. Agora máis por aquí, con amigos, familia.

ANA GARCIA

—En Carballo vostede deu clases de teatro. Volverá?

—Oxalá! Pero é incompatible coa rodaxe, con horarios que varían moitísimo, non son fixos e sábelos sen prazo. Non é factible dar clase así. A min gustaríame retomalo. Pasámolo moi ben en Berdillo, no Casino, na Casa da Xuventude. Foi unha gran experiencia, ademais con xente nova nun sitio e máis adulta noutro. Unha experiencia e tamén un reto. É moi difícil dar clases de interpretación, máis que facer unha serie ou unha obra de teatro. Dáme moitísimo respecto, require valor e organización, admito moito á xente que o fai.

Máis de preto

 É máis de Reis, de Papá Noel do Apalpador..? De todo. Encántanme os regalos.

Que lle pide ao 2024? Que non se leve a ninguén máis.

Gústalle máis a árbore, o nacemento, ambos, nada..? De árbore e nacemento. Gústame iso, e as luces.

De turrón ou non? De selo, brando ou duro? Era do duro, e agora son do brando.

Ceas con desfase en fin de ano, ou máis íntimas e en familia? Prefiro na casa. Na propia, ou de amigos, antes ca restaurante.

Son días de comidas excesivas, ou de moderación gastronómica? Eu de moderación sei pouco neste tema.

É de comer as 12 uvas, ou pasa desta tradición? Cómoas, pero cada vez que o fago penso que por que non virían oito, ou sete. Por que tantas? Son moitísimas! A min, dende a oitava, cústame.

É esta unha época na que sempre tivo moitos regalos? Si que os había, pero non moitos. Para todos, pero non a mansalva.

O Nadal é máis motivo de ledicia ou de melancolía? Era de moita ledicia, e síntoas cada vez máis coa mestura da ledicia e a melancolía. Si que vai a máis ese compoñente melancólico.

Vostede declarouse moi a favor de escribir cartas. Ségueo facendo? Faime moitísima ilusión cada vez que á casa chega algunha postal. Gústame moito, e se non o fago é por falta de tempo. Encantaríame retomalo. Sigo sendo das que escriben en bolígrafo e papel, das que estudan en físico. Os meus compañeiros usan máis as tablets, eu necesito guión físico. Un pouco anticuada nese sentido, pero encántame escribir. Por tempo escribo menos do que me gustaría.