Rober Bodegas: «Afortunadamente agora existe unha especie de eco postureo»

Antón Lestón Lago
Antón Lestón CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

BASILIO BELLO

Ecovoz | O popular humorista carballés foi o venres convidado do programa medioambiental de Radio Voz 

06 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Rober Bodegas (Carballo, 1982) está «a tope». Entre Fango, o seu proxecto persoal de monólogos, Hecho a Mano, o espectáculo que fai con Alberto Casado, co que tamén mantén Pantomima Full, e unha serie que está a gravar, non puido ter un inicio da primavera máis ocupado. Non obstante, puido sacar uns minutos para falar do coidado ao medio este pasado venres no Ecovoz.

—En Pantomima Full caricaturizan diferentes prototipos de persoa. Fixérono xa co negacionista do cambio climático?

—Si, si, xa o abordamos dende diferentes perspectivas. Co negacionista, pero tamén ríndonos desa xente que cre que por levar a súa bolsa ao súper xa está a salvar o planeta e se colga medallas de máis. Que está ben, que todo suma, pero igual non hai que fliparse tanto.

—O mundo do espectáculo é un sector especialmente sensibilizado co coidado do medio?

—Uf, non sabería dicilo. Creo que é un tema máis persoal, depende da concienciación que teña cada un. Pero si que é certo que a nivel de rodaxes podo dicir que cada vez hai unha preocupación maior por facelas o máis sostibles posible. O verán pasado fixen Un hipster en la España vacía e si que había un coidado especial por ese tema.

—Nota diferenzas entre a poboación do rural e a das grandes urbes á hora da súa preocupación ambiental?

—Non. Si que nun entorno como o de Carballo pode haber máis preocupación por coidar os montes ou o mar, pero ao final hai sempre un compoñente egoísta e tamén vés xente moi despreocupada. O monte moitas veces está moi descoidado. Despois arde e lamentámonos, pero nin hai medidas paliativas, pola situación dos bombeiros, nin preventivas. En cambio na cidade, agora existe unha especie de ecopostureo, afortunadamente, que di que molas máis se reciclas e tes hábitos sostibles. Entón, aínda que só sexa por molar e non porque lle interese o planeta, hai máis xente intentando lucirse. É algo preocupante, a verdade.

—Que técnicas pon en marcha no seu día a día para protexer a nosa contorna?

—Como dicía, non me podo nin quero colgar ningunha medalla. Separo o lixo, intento reciclar a roupa cando me desfago dela para que teña unha segunda vida... Nada do que presumir, simplemente intento cumprir co paquete básico que debería levar a cabo todo cidadán.