A Costa da Morte rende homenaxe a Rosalía de Castro

La Voz

CEE

A poetisa está presente estes días nas actividades de concellos como Cee, Carballo, Fisterra e Vimianzo

14 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O día 24, coincidindo co 180 aniversario do seu nacemento, celebrarase de novo o Día de Rosalía de Castro e serán varios os concellos da comarca os que lembrarán á gran poetisa galega.

Cee

En Cee farano xa por adiantado posto que a súa programación cultural do mes está dedicada á autora. Así, mañá haberá unha mostra bibliográfica en sesión explicativa para escolares de primaria na biblioteca Francisco Mayán, e o domingo o auditorio da Casa da Cultura acollerá ás 20 horas un recital poético musical no que Manuel Oliveira, Manolín, estará acompañado polos grupos de baile Xaldón, Brens e Terra de Sena.

Vimianzo

Tamén dedicarán todo o mes de febreiro a Rosalía en Vimianzo, cunha exposición sobre a autora na biblioteca e dúas actividades para os nenos nados entre os anos 2006 e 2013: o día 22 haberá unha sesión de contos e o 24, un obradoiro titulado Coñece a Rosalía. Ambos, de 17 a 19 horas.

Fisterra

En Fisterra lembrarana o propio día 24 cunha representación teatral no salón de actos do Concello (19 horas). O público adolescente e adulto poderá gozar co espectáculo de Caxoto Contacontos Que morro!.

Carballo

No caso de Carballo, a biblioteca Rego da Balsa celebrará o Día de Rosalía cunha xornada de adianto (o 23, ás 11 horas) e farao coa axuda dos alumnos do IES Monte Neme, que realizarán un recital poético dedicado á autora.