«Para Kepa», un proxecto de Bela Fisterra producións

Pepe Formoso

FISTERRA

28 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Para Kepa é un proxecto musical cun videoclip cheo de emocións. E de música, claro. Pero sobre todo de emocións!

Hai exactamente un ano, o 28 de abril, o gran músico vasco Kepa Junquera cumpría a súa promesa de volver ao hotel Bela Fisterra. Dende a última visita de Kepa ao Bela, o 18 de outubro do 2018, pasaron moitas cousas. Un ictus sufrido antes dun dos seus concertos en Bélxica, un par de meses despois de vir vernos, cambioulle radicalmente a vida.

Foron anos de rehabilitación e de adaptación non exenta de sacrificios e superación, como pode verse no documental Berpitzu, de Fermín Aio. Pero, por fin, o 28 de abril de 2023 cumpría coa súa promesa de volver a Galicia, ao Bela Fisterra, onde dera o seu último concerto. E, con el, moitos amigos que se achegaron a velo, a sentilo e a darlle todas as apertas que non lle puidemos dar en todo ese tempo.

Entre eles, Fernando Fraga, virtuoso do acordeón de piano, non da trikitixa, que nos sorprendeu a todos interpretando unha peza orixinal xunto a Néstor Fidalgo á pandeireta: Para Kepa.

Tamén teríamos que falar da aportación artística en forma de escultura, de Guille Lourido, corcubionés afincado en Asturias. Trátase dunha enorme escultura de Kepa, trikitixa en man, que o músico viu en directo por primeira vez ese día. Xunto a Kepa e Guille, Alfonso Pato, do Festival de Cans; Xurxo Souto, Antonio Nodar, Sindo Novoa, a familia do amigo Pazos de Merexo e moitos amigos que non quixeron perderse a volta de Kepa a Galicia.

ANA GARCIA

Emocións e emocións que non quixemos que quedasen só nese día.

Por iso, logo de contarlle o proxecto a Juan Lesta, un dos máis grandes artistas audiovisuais de Galicia, sumouse á iniciativa e puxémonos mans á obra!

O resultado é un videoclip que se estreará no Festival de Cans, o vindeiro 22 de maio á tardiña. Mentres tanto, e aproveitando que hoxe é o primeiro aniversario da súa volta, presentamos o adianto do vídeo a través das redes sociais do Bela. Para Kepa!