Festa poética para os máis pequenos

Á. p.

MALPICA DE BERGANTIÑOS

Setecentos nenos de Laxe, Malpica, Cabana e Ponteceso fixeron da primeira edición do Festival dos soños un éxito

21 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Actos para o público infantil como os do premio de poesía Eduardo Pondal e o certame de teatro Xosé Neira Vilas non foron máis que un pequeno aperitivo do que se viviu onte no Couto.

Setecentos nenos de infantil e primaria chegados dos oito centros escolares de Cabana, Laxe, Malpica e Ponteceso encheron a pequena aldea de alegría e fixeron do primeiro Festival dos soños todo un éxito. Moitos deles formaron parte dos oito grupos (un por cada centro) que foron pasando polo escenario colocada da carpa para dar voz a Manuel María recitando o poema e interpretando a canción que prepararan xunto cos seus profesores de música.

Entre versos e melodías foi avanzando unha mañá de festa multitudinaria que tivo o seu colofón coa actuación de Uxía Senlle, Santi Cribeiro e Magín Blanco e que foi posible grazas á implicación dos mestres e á colaboración da Policía Local, Protección Civil, o GES e varias empresas. «Estou moi contento polo resultado, porque esta era a verdadeira proba de lume das Festiletras deste ano e estou seguro que deixará pegada en todos os nenos que participaron», explicaba ao finalizar o festival, Xosé María Varela, xerente da Fundación Pondal e onte tamén presentador dunha festa que terá continuidade o ano que vén.