
O escritor compostelán recibiu onte o galardón no transcurso da Cea das Letras
06 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.O 11º certame de poesía erótica Illas Sisargas xa ten gañador. O escritor compostelán Xavier Queipo fíxose co galardón con O home invisíbel e que foi elixido por unanimidade polos tres membros do xurado: Francisco Souto Barreiro, secretario da asociación Caldeirón; Antón Noceda, animador sociocultural de Malpica, e Mário J. Herrero Valeiro, gañador da anterior edición.
O fallo foi feito público onte no transcurso da xa tradicional Cea das Letras, celebrada no restaurante A Cunca de Buño e que serviu para presentar tamén a publicación do poemario de Herrero galardoado hai un ano, A razón do perverso.
Queipo, narrador, poeta, ensaísta e tradutor, recibiu o seu premio de mans do alcalde malpicán, Eduardo Parga. Con anterioridade xa recibira outros coñecidos galardóns literarios, como o da Crítica Española (por Ártico e outros mares, en 1990), Manuel García Barros (O paso do noroeste, 1996), Xerais (Extramunde, 2001), Blanco Amor (Os kowa, 2015), ademais do Ánxel Casal, o do AELG e o Premio Nacional pola súa tradución do Ulises de Joyce (2013)