Malpica somérxese este maio «nun mar de letras»

La Voz CARBALLO / LA VOZ

MALPICA DE BERGANTIÑOS

Xisco Feijoo participará na segunda Ruada Nun Mar de Letras, o 17 de maio
Xisco Feijoo participará na segunda Ruada Nun Mar de Letras, o 17 de maio BASILIO BELLO

Presentada a programación impulsada dende a área de Cultura en torno ao 17 de maio

30 abr 2024 . Actualizado a las 18:08 h.

Co 1 de maio á volta de horas, quixo o Concello de Malpica divulgar este martes unha completa programación baixo o título Malpica nun mar de letras, conmemorando o Día das Letras Galegas, 17 de maio. Así vai vir o mes, segundo o presentado polo departamento de Cultura:

Venres 3 de maio • Exposición Juana de Vega, condesa de Espoz y Mina: facer no século. No centro cívico, apertura este venres ás 19.00.

Sábado 4 • Presentación de resultados do xeorradar e novos traballos na Croa do Castro. CAT de Buño, 18.00.

Luns 6 • Representación de Xarope Tulú, para escolares de primaria: centro cívico, 11.00.

Do martes 7 ao venres 31 • Mostra sobre Luísa Villalta, na biblioteca municipal.

Venres 10 • Dotación de fondos bibliográficos para a biblioteca municipal e para as dos centros do ensino. Ás 18.00, no centro cívico, recital poético con Emma Pedreira. Colabora a biblioteca do instituto Urbano Lugrís.

Sábado 11 • Presentación da obra gañadora do 18.º Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas. Ás 19.00, na Casa do Pescador. Organiza Caldeirón. É Mensaxe con argán mal pronunciada, de Clara Vidal. As bases da 19.ª edición presentaranse o vindeiro 31.

Martes 14 • Ás 11.30 horas, no colexio de Buño, presentación da obra As crebas da memoria, de Olga Rodríguez.

Xoves 16, 30 e 13 de xuño • Visitas teatralizadas ao ecomuseo Forno do Forte: 11.30. Ás 12.30, charla-coloquio cos actores e actrices.

VENRES 17 DE MAIO • II Ruada nun mar de letras, a partir das 20.30, con Carcaxía, Raigañas, Xisco Feijoo e Paracetafolk. No Parque Luciano García Alén. Colabora a asociación veciñal O Quinteiro.

Sábado 18 • Representación do espectáculo Moby Dick, de Pedras de Cartón: río de Vaa, 17.30. Posterior andaina.

Martes 21 • O libro As crebas da memoria viaxa desta volta ao Urbano Lugrís: 11.00.

Venres 24 • Presentación do libro Médicos e medicina rural na Costa da Morte, de Braulio Pérez. Confraría, 19.00 horas.

Sábado 25 • Libro Os peidos máxicos de Sultán, de Marta Villar. Centro cívico, ás 18.00.