Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Peregrina Quintela: «Empézase a percibir nas empresas que os matemáticos teñen un valor»

Tamara Montero
Tamara Montero SANTIAGO / LA VOZ

CIENCIA

XOAN A. SOLER

Defende que nos grupos científicos ten que haber homes e mulleres porque as súas perspectivas son complementarias

27 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Catedrática de Matemática Aplicada na Universidade de Santiago, directora do Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial, presidenta da Red Española Matemática-Industria, muller e científica. Peregrina Quintela recibiu onte o premio María Josefa Wonenburger Planells, que recoñece a traxectoria relevante de mulleres na ciencia e na tecnoloxía.

-Muller e matemática, recibe un premio que leva o nome doutra muller e matemática. ¿Quedan eidos científicos que aínda son terreo masculino?

-En canto a alumnado, non, incluso nas matemáticas pode haber máis mulleres que homes estudando. O problema é cando se pasa á seguinte fase. No predoutoramento xa diminúe un pouco o nivel de mulleres e cando se chega aos rangos máis altos vai diminuíndo ata haber un 20 % de catedráticas.

-¿Cómpre aínda facer un labor pedagóxico para que se igualen esas porcentaxes?

-Dado que o número de mulleres que comezan a carreira é similar en porcentaxe, ese labor está feito. O problema é despois. É preciso que a muller sexa capaz de conciliar a conciliación familiar co avance profesional, porque moitas veces iso supón un reto importante. As mulleres temos unha certa sensibilidade coa familia que ás veces pode dificultar a conciliación e a entrega que se precisa para avanzar no terreo profesional

-Vostede dirixe o Itmati. ¿A relación entre universidade e industria é aínda moi incipiente?

-Poderíase avanzar máis, pero no eido das matemáticas levamos máis de 30 anos de colaboración estreita coas empresas. O Itmati aparece en momentos de crise, no 2013, derivado desa experiencia dos grupos galegos coa empresa. A resposta do sector produtivo está sendo moi boa, trae novos problemas e novos retos para axudar a resolvelos. O compromiso do Itmati é ser un centro autosostible no 2017, o que quere dicir que o sector produtivo debe ser quen de afrontar o desafío de avanzar no I+D.

-¿É hora de que as empresas se fagan cargo do financiamento da ciencia?

-Ese é o gran desafío. Nos últimos dous anos Itmati obtén practicamente máis do 90 % do seu orzamento do capital privado. Estamos intentando que a achega pública non sexa necesaria. Pero hai que ter en conta que grandes organismos de investigación, como o Matheon alemán, teñen estruturas moi fortes e manteñen un 40 % de financiamento público.

-¿Aínda se escoita o de que «as matemáticas non son para min»?

-Seguro que si. Pero é labor dos matemáticos ser quen de difundir o que facemos, mostrar para que serven e que a empresa perciba que é unha vantaxe competitiva a través de casos de éxito.

-¿Hai que facer tamén un labor pedagóxico sobre o que implican as matemáticas na vida cotiá?

-Creo que nos últimos anos os matemáticos puxémonos no labor de mostrar casos de éxito onde as matemáticas xogaron un papel. A taxa de desemprego é moi baixa e a saída profesional xa non é maioritariamente a docencia. Si que se empeza a percibir que os matemáticos teñen un valor nos equipos das empresas.

-¿Ten algo que ver a revolución tecnolóxica que estamos a vivir?

-Hoxe en día a inxente cantidade de datos fai practicamente imposible tomar decisións en base a intuición de cada un, hai que ter ferramentas que con lóxica e usando a modelización matemática acheguen solucións adaptadas á realidade.

-¿Cales son os grandes retos que se poñen por diante?

-Na investigación máis clásica, o reto é a aplicación das matemáticas en biomedicina, o deseño de novos materiais e nanotecnoloxía e a simulación en microescala e hexaescala.

-Ou sexa, equipos multidisciplinares.

-A integración de todas as disciplinas é moi importante, igual que que nos equipos de investigación haxa homes e mulleres, porque temos diferentes perspectivas e xeitos de enfocar os retos e a complementariedade entre uns e outros é moi importante.