«En España ignoran o que hai noutras linguas»

Camilo Franco SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Siruela vén de publicar en castelán a súa novela «Cabalo de Ouros»

13 jul 2012 . Actualizado a las 19:46 h.

A máis recente novela de Víctor Freixanes, Cabalo de Ouros, acaba de ser publicada en castelán por Siruela.

-¿Que agarda da publicación en castelán?

-A recepción está sendo moi boa e estou satisfeito porque Siruela é unha editorial con todo o criterio dunha editorial literaria. Volcáronse co libro e o único que lles pedín é que esperaran a que o orixinal en galego tivese recorrido nas librerías. Xa vai ben andada a segunda edición e xa pode saír en castelán.

-Houbo un tempo en que nas editoras en castelán parecía haber un cupo para os autores que procedían doutros idiomas peninsulares. ¿Mudou esa situación?

-Pois se mudou foi para que reducir o cupo. Pero non é tanto que non haxa autores galegos traducidos ao castelán, que hai moitos máis dos que parece. Pero os que hai resultan invisibles para o mercado maioritario. Pero ese mercado está cambiando moito. En España ignoran o que hai noutras linguas, incluída a portuguesa. En moitos casos o que se publica nesas outras linguas resúltalles exótico ou directamente invisible. Isto crea outro problema porque para os autores galegos é difícil saír fóra se non é pasando polo castelán, pero hai pouca visibilidade.

-¿Cales foron as dificultades da translación para o castelán?

-Na primeira parte do libro hai unha oralidade moi clara, como o cantar de cego, e isto preocupaba moito na editorial. Só podía contarse así porque a historia tiña que ir ao cantar de cego porque non podía formar parte das crónicas oficiais. Pero Xosé Antonio López Silva fixo un magnífico traballo e conseguiu trasladar ese ambiente.