A RAG será «máis rigorosa» para escoller ao autor do Día das Letras

Camilo franco REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

As candidaturas poderán presentarse ata o día 13 e a elección será o 21 de xuño

10 jun 2013 . Actualizado a las 13:15 h.

A Real Academia Galega aplicará un sistema «máis rigoroso» para escoller ao homenaxeado no Día das Letras Galegas para o ano vindeiro. A RAG xa ten pechado o calendario para que a elección do autor estea «mellor organizada».

Segundo o secretario da Academia, Henrique Monteagudo, do que se trata non é tanto cambiar o sistema para escoller aos autores «como facelo dun xeito máis organizado e rigoroso». Monteagudo explicou que para que suceda así «chega con aplicar o actual regulamento da institución, que se aplicaba dun xeito brando».

Segundo o regulamento, as candidaturas deberán presentarse por escrito e co aval, cando menos, de tres firmas de distintos académicos. Deste xeito, segundo esperan na directiva académica, «o número de candidaturas definitivas que se presenten será menor e non haberá que esperar ao plenario de elección para saber que candidatos hai». O secretario sinala que non hai restrición no número de candidatos que poden respaldar os académicos, que se trata só de que a escolla «sexa un pouco máis organizada do que viña sendo ata agora».

A Academia Galega ten xa fixado o calendario para a elección do autor que sucederá a Roberto Vidal Bolaño como homenaxeado no Día das Letras Galegas. O vindeiro xoves, día 13, finalizará o prazo de presentación de candidaturas. A sesión plenaria na que se debaterán os candidatos e na que se escollerá ao autor seleccionado terá lugar o vindeiro 21 de xuño.

Díaz Castro

Na sede da Real Academia preséntanse hoxe as actividades para celebrar o centenario do nacemento do poeta Xosé María Díaz Castro, que se conmemorará no 2014. O autor de Nimbos é un dos que soa reiteradamente nos últimos anos como posible homenaxeado para o Día das Letras.