
O templo barroco é un inmoble senlleiro e singular da vila muradá
27 dic 2015 . Actualizado a las 09:35 h.A Consellería de Cultura vén de rematar as obras de rehabilitación da capela da Virxe do Carme en Muros, un ben inventariado que ademais ten a consideración de inmoble senlleiro e singular na vila, incluída no ámbito delimitado como conxunto histórico. Foi un ano de traballo cun orzamento total de máis de 178.000 euros, xa que o templo precisaba dunha reforma evidente. Os traballos incluíron a consolidación dos muros de fábrica da capela, e tamén a introdución de barras de aceiro para o cosido de fendas.
Foi preciso substituír a estrutura de madeira da cuberta e erguer un novo tellado, a desmontaxe e posterior montaxe da espadana xa que había risco de caída e a construción dun sistema de recollida de auga de choiva para que non caia directamente sobre os muros.
A obra recepcionouse fai unhas semanas. A capela do Carme é unha obra de estilo barroco que foi construída coas aportacións de Xerónimo Durán, residente en Chile en 1766, tal e como conta a inscrición do edificio. Aínda que é de propiedade privada ofícianse misas nela e ten partes moi traballadas na súa estrutura, como son os pináculos nos estremos da fachada, ou a inscrición conmemorativa, tamén na fachada, que conta cun gran escudo, ao xeito italiano, coas armas do fundador.