Os nenos e nenas de terceiro de primaria interesáronse polo papel feminino nos medios
08 mar 2016 . Actualizado a las 16:38 h.Medio centenar de nenos e nenas de terceiro de primaria do CEIP Salgado Torres de A Coruña participaron esta mañá nunha charla sobre xornalismo con motivo do Día Internacional das Mulleres. Durante a actividade, organizada no marco do Programa Prensa-Escuela de La Voz de Galicia, os alumnos interesáronse polo traballo da muller na prensa española a partir da figura da pioneira Josefina Carabias.
Durante a charla, os nenos reflexionaron sobre a presencia da muller nos medios e sobre o camiño que aínda queda por recorrer para que as profesionais teñan máis espazo nos órganos de dirección, e tamén falaron das noticias que eles mesmos xeran e elaboran, como a do recente nacemento de varios pitiños que criaron no centro grazas a unha incubadora.