A RAG arranca a Primavera das Letras a ritmo de rap

A CORUÑA

Marcos Míguez

Escolares do Curros Enríquez cantaron a Manuel María na presentación dos novos contidos da Academia para o ensino de primaria

11 abr 2016 . Actualizado a las 16:42 h.

«Letras Galegas 2016 con Manuel María queremos aprender...». É o estribillo do rap que cantaron hoxe un grupo de alumnos de quinto e sexto de primaria do colexio Curros Enríquez. Foi na presentación da Primavera das Letras, unha iniciativa da Real Academia Galega que desde a páxina web academia.gal/primaveradasletras «fornecerá os centros de ensino de distintos recursos didácticos, dirixidos sobre todo ao alumnado de infantil e primaria, aínda que tamén haberá actividades e outros contidos útiles para traballar co alumnado de secundaria», indican desde a RAG.

O director do CEIP Curros Enríquez, Antonio Leonardo Pastor, lembrou que este é «un centro de sensibilidade especial coa nosa lingua; levamos 16 anos traballando en programas de fomento do galego».

Henrique Monteagudo, secretario da RAG, explicou que a Primavera das Letras «nace da demanda do sector educativo», xa que cando alumnos e profesores visitan a sede da entidade piden este tipo de contidos. Outra das razóns, apuntou Monteagudo, é que a celebración do Día das Letras Galegas «non quede so nun día, aínda que é algo que depende da sociedade e non da Academia». Tamén explicou que no novo portal  haberá, desde o comezo da primavera, varias fichas sobre que é o Día das Letras Galegas, da figura protagonista, neste ano Manuel María; o escritor será presentado na web por medio dos seus poemas e na mesma haberá tamén un enfoque transversal da súa figura: «por exemplo para o Coñecemento do Medio, Manuel María ten poemas sobre o río, sobre a xeografía galega...». Haberá asimesmo outros vínculos que permitirán, tanto desde a web da RAG como desde outras como a da Fundación Manuel María, chegar «a artigos sobre o autor, entrevistas ou vídeos musicais nos que Fuxan os Ventos, Mini e Mero, Uxía Senlle ou Roi Casal cantan os seus versos». Desde hoxe parte destes contidos xa están dispoñibles.

Na presentación da Primavera das Letras varios alumnos do Curros Enríquez, presentados pola profesora Begoña Mosquera, coordinadora de normalización lingüística, recitaron poemas de Manuel María vencellados coa lingua. Logo outro grupo escolar cantou un rap composto coa axuda do profesor de música do centro, Víctor González Bujan.

«Ainda non saín do meu asombro; nunca isto viera e xa teño unhos anos», asegurou un emocionado presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, que estivo acompañado pola xunta directiva da entidade. Na súa intervención lembrou a figura de Curros Enríquez, do que citou o seu poema A fala «aínda non superado», así como a importancia da defensa da lingua.