Cristina Naya: «Se hai un bo profesor, as matemáticas non son o parrulo feo»

Loreto Silvoso
LORETO SILVOSO A CORUÑA / LA VOZ

ARTEIXO

EDUARDO PEREZ

Nada e afincada en Vilarrodís, a vicerreitora da UDC será nomeada o xoves Muller de Arteixo 2024

17 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Na aula de matemáticas da Facultade de Educación abundan os ábacos de colores, os bloques e os corpos xeométricos. É aquí onde se preparan os futuros docentes dunha materia que pasou de ser o parrulo feo a converterse na titulación mais desexada. A profesora é Cristina Naya (Vilarrodís, Arteixo, 1978), investigadora na área de Didáctica da Matemática e vicerreitora de Divulgación, Cultura e Deporte da Universidade da Coruña (UDC). Esta profe de profes vai ser recoñecida como Muller de Arteixo 2024, nun acto que se celebrará o xoves, ás cinco da tarde, no auditorio do Centro Tecnolóxico.

—Como se sente ao recibir o recoñecemento do seu concello?

—Moi agradecida e algo abafada pola enorme repercusión que está a ter. Percibín moita alegría e agarimo da veciñanza polo meu recoñecemento.

—Vostede se dedica a formar aos profesores do futuro. Como se deben ensinar as matemáticas?

—Para ensinar matemáticas hai que coñecer certos contidos didácticos e pedagóxicos, non só contido matemático, o que engloba a Didáctica das Matemáticas. Se nos centramos na etapa de educación infantil e primaria, é importante coñecer materiais manipulativos para ensinar, por exemplo, o concepto de número.

—Como cambiou a docencia desta materia nestes anos?

—Anteriormente, as persoas docentes, as que tiven eu, elixían unha formación con certa especialización en matemáticas ou ciencias con coñecemento pedagóxico, é dicir, tiñan gusto polas matemáticas. Agora iso perdeuse e os graos forman ao profesorado de forma máis xeral, co hándicap de que o alumnado que vén estudar educación primaria odia as matemáticas e escapa delas.

—Así se complica que logo transmitan paixón aos seus alumnos.

—Como podes pretender que amen unha materia que eles mesmos odian? Téñenlle terror. É un problema. E que teñen ansiedade matemática. Eles mesmos non son conscientes de que un 20 % do seu horario no futuro profesional vai ser desa materia.

—Identificar o problema é o primeiro paso para atopar unha solución.

—Se non hai un apoio das Administracións para mellorar a formación, non podemos facer nada. Hoxe en día, os plans de estudos universitarios, como moito, teñen 18 créditos obrigatorios de formación matemática, que son tres horas á semana. É inviable dar unha formación que lles poida axudar para traballar en seis anos nunha etapa educativa como pode ser primaria.

—Se xa é un óso duro de roer aí..

—Eu intento darlles todas as ferramentas posibles para que, o día de mañá, poidan saber onde recorrer, pero é inviable. A xente que é vocacional vaise preocupar de formarse e actualizarse, pero a maior parte do alumnado, no grao de Educación Primaria, non ven con esa vocación.

—Que se necesita para ser un bo docente de matemáticas?

—Transmitir entusiasmo e ilusión por aprender. E tamén, mais coñecemento do que é a Didáctica da Matemática e que a Administración se preocupe por que impere a necesidade de formación continuada.

—Como se pode perder o medo ás matemáticas?

—O factor determinante é a persoa docente. As matemáticas, se ensínanse ben, son moi agradecidas. Se hai un bo profesor, non son o parrulo feo. Aínda que despois convértense nun cisne, eh!

—É unha das titulacións con menos paro a día de hoxe.

—E por iso non vai haber un relevo xeracional deste profesorado. Hoxe en día, a un novo licenciado non se lle pasa pola cabeza ser docente, excepto que sexa vocacional. Antes de rematar a carreira xa lles ofrecen salarios moi altos.

—Como vicerreitora, cal é o gran reto da UDC hoxe?

—O financiamento. E implicar mais á comunidade universitaria.

—É unha persoa moi calculadora?

—[Ri] Son mais metódica!

—Celebrou na súa aula o Día do Número Pi o pasado xoves?

—Claro! É o Día das Matemáticas e tamén é o meu aniversario!

Profundo apego a Arteixo: Nada e afincada en Vilarrodís, con raíces en Oseiro e Barrañán, Cristina Naya estudou no CEIP de Galán e no IES Manuel Murguía. Dende nena tivo moi claro que quería ser profesora de matemáticas. Tras licenciarse en Santiago, hoxe en día goza formando aos futuros docentes e espertando novas vocacións.

«Hoxe pódese mellorar a onda dunha engurra ou predicir un vertido»

Cristina Naya goza formando a futuros docentes de matemáticas, axudándolles a coñecer materiais

manipulativos e recursos para mellorar a educación matemática. Ao mesmo tempo, investiga para seguir mellorando a educación e a formación nesa disciplina, e estuda tamén as diferentes aplicacións desta materia no mundo que nos rodea. Por exemplo, como as matemáticas poden axudar a modelar o comportamento de materiais termoviscoelásticos como o aceiro ou o formigón a altas temperaturas, que foi a súa tese de doutoramento.

—Houbo algunha persoa docente que marcou ou influíu no seu gusto polas matemáticas?

—Tiven unha profesora de matemáticas no instituto que rachou co estereotipo de docente. A súa forma de explicar as cousas foi a que espertou a miña vocación.

—Cal foi a súa nota mais baixa?

—Sería un 9 ou un 8. Tiña boas notas, si. Ao inicio de comezar os meus estudios universitarios, estudando moito, non conseguía bos resultados, pero logo iso mudou.

—Como axudan as matemáticas na vida diaria dunha persoa?

—Axudan a formar o pensamento crítico das persoas, a interpretar o gráfico dunha noticia ou a analizar unha estatística e evitar as falsidades dunha publicidade.

—Hai aplicacións que son moi descoñecidas.

—Así é. Hai xente que utiliza as matemáticas para mellorar a onda dunha engurra mediante cosméticos, por exemplo. Ou no mar, pódese predicir con modelos matemáticos cara onde vai un vertido.

—Que teñen que ver as matemáticas coa agricultura? Vai ser o tema da Feira Matemática que ce celebra en abril en Palexco.

—Moito. Só para calcular a época de chuvias, os calendarios foron sempre imprescindibles.