«Rústica»

H. J. P. redacción / la voz

CULTURA

11 feb 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Fala Cristina Pato de crises persoais nun pequeno texto que abre o libreto que incorpora a carpeta do álbum Rústica, de crises e do que estas no eido creativo poden achegar, da crise que está no cerne deste novo proxecto. E aínda que non o explica de maneira nidia pode entenderse que, nas velocidades nas que se move New York, e ata o jazz, a gaiteira tivo un brote agudo de morriña. Iso e un encontro casual nas rúas de Ourense co «cancioneiro vivo» -ou andante- Davide Salvado, a quen non coñecía persoalmente. De aí parece que sae o xermolo dun cuarteto de virtuosos que completan a zanfona de Anxo Pintos e o acordeón de Roberto Comesaña, músicos cos que ela xa traballara noutras ocasións. O protagonismo neste disco queda para a exquisita selección de pezas tradicionais (incluída a canción portuguesa Cardadores) que recolle e que sinalan a Salvado como gran demiúrgo do traballo, mais aló da súa aportación tamén clave na voz e nesa percusión sutil tan de seu. Unha volta radical ás raíces que quizá se explique naquela broulla de saudade de Pato, que topou frutificación nun encontro que os catro intérpretes mantiveron (o único antes de chegar ao estudio) na casa de Salvado, mentres este cociñaba un arroz con bacallau. En fin, un álbum cheo de aquietada beleza do que se falará todo o ano, e longamente.