Exposicións, publicacións, recitais, encontros, proxectos audiovisuais e na Rede servirán para promover a vida e obra do humanista pontevedrés
24 feb 2015 . Actualizado a las 05:00 h.Faltan menos de tres meses para a celebración das Letras Galegas e a maquinaria para difundir e afondar na figura de Xosé Filgueira Valverde, a quen se lle dedica este ano o día, xa está en marcha. Exposicións, proxectos na Rede e audiovisuais, publicacións conmemorativas, recitais, encontros e outros actos centrados na vida e obra do humanista pontevedrés percorrerán o territorio galego.
Un ano máis, a programación foi articulada a partir da colaboración e son moitas as institucións implicadas, dende o Consellería da Cultura, a Real Academia Galega (RAG), o Consello da Cultura Galega (CCG), a Fundación Filgueira Valverde e a Deputación de Pontevedra, ata a televisión pública autonómica e outras empresas implicadas coa cultura.
Entre as principais iniciativas, está a exposición itinerante Filgueira Valverde (1906-1996). Un faro na construción de Galicia, que a partir do 24 de abril amosará os diversos traballos en prol da cultura galega levados a cabo polo prolífico humanista. A mostra irá acompañada de visitas guiadas e unha xincana escolar, ademais dunha programación específica no Museo de Pontevedra ou no ámbito académico, con simposios, homenaxes e outros actos de índole institucional.
Tamén nos propios centros educativos, así como nas bibliotecas públicas e nos medios públicos haberá nos próximos meses unha programación especial, especialmente intensa conforme se achegue o 17 de maio.
Este ano a Rede xogará un papel fundamental, partindo da páxina web impulsada pola Fundación Filgueira Valverde (www.filgueiravalverde.gal), xunto cun micrositio de fondos bibliográficos na Galiciana ou a dixitalización do seu epistolario por parte do Consello da Cultura. O propio fillo do autor homenaxeado e presidente da fundación que leva o seu nome, Fernando Filgueira, incidiu na «necesidade de poñer a Filgueira Valverde en Internet», polo que tamén se terán en conta as redes sociais.
Como vén sendo habitual, sairán novas edicións centradas no protagonista das Letras Galegas, comezando por un novo número dos Cadernos Ramón Piñeiro, a publicación da obra Historias de Compostela ou unha edición facsimilar de Os nenos. Do mesmo xeito, os textos do autor serán traducidos a outras linguas, coma o ruso, e a súa figura divulgarase en 39 universidades do mundo.
A música e as artes tamén formarán parte esencial da programación, complementada con distintos obradoiros, concursos e mostras.
«Non pode haber mellor candidato»
Os impulsores da programación que conmemora este ano a Filgueira Valverde incidiron na súa contribución. O secretario da RAG, Henrique Monteagudo, asegurou que «non pode haber mellor candidato» tendo en conta o seu traballo pola defensa e o impulso da cultura galega. Ramón Villares, presidente do CCG, subliñou a súa «dimensión literaria, histórica, investigadora e tamén institucional» e o conselleiro, Román Rodríguez, destacou a importancia da súa obra tanto a nivel cuantitativo como cualitativo.