Autorretrato postal dun poeta

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

A publicación do epistolario de Manuel Antonio ilumina a súa formación literaria e galeguista, ademais de trazos da súa forte personalidade

10 abr 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Manuel Antonio (Rianxo, 1900-1930) é autor do influinte poemario De catro a catro e, con Álvaro Cebreiro, do manifesto Máis alá, fitos notables na literatura galega do século pasado. A recente publicación da súa poesía completa ampliou notablemente o coñecemento da súa escrita, que novamente se ve acrecentado coa aparición do epistolario que pecha a serie de tres tomos ao coidado de Xosé Luís Axeitos da colección Clásicos da Academia, impulsada pola RAG e a Fundación Barrié. Son 425 misivas, das que 184 son inéditas, que abranguen a comunicación de Manuel Antonio co seu entorno familiar -principalmente a súa nai- e figuras senlleiras da cultura galega do seu tempo, como Castelao, Rafael Dieste, o propio Cebreiro ou Vicente Risco, a quen o poeta se dirixe como «Xefe».

A lectura en orde cronolóxica -o tomo conta con índices das cartas, dos interlocutores e dos temas- da correspondencia permite seguir a rápida evolución do adolescente que escribe cartas en castelán como «platónico adorador» dunha moza a un adulto mozo comprometido cunha ideoloxía e, por riba de todo, coa literatura. Axiña pasa ao galego, no que redactará o 94 % da súa correspondencia.

Xa non son só as abondosas cartas que se cruza con Dieste ou Castelao -con quen aborda en profundidade dende o folclore aos escritores rusos-, senón as subscricións a revistas ou peticións de títulos a librarías. Esta xanela manuscrita aberta á intimidade do futuro poeta dá fe da voracidade coa que demandaba información e que, dende o galego, se estendía sen limitacións. Testemuña isto a cuarta carta que lle dirixiu, con 20 anos, a Risco: «Cales obras, e de quen, poderánme informar sintéticamente do que sexa futurismo, cubismo, dadaísmo, ultraísmo, unanimismo, imaxinismo, etc...».

Esta faciana literaria e política, que abrangue noticias da marcha da súa obra -como o poemario Con anacos d?o meu interior- ou a asistencia a datas que agora son claves para o galeguismo, como a Asemblea Nacionalista de 1921 en Vigo.

Mais o epistolario tamén ten o valor de retratar a Manuel Antonio na súa esfera íntima, cos seus modos de expresión, inquedanzas e necesidades. Ao seu amor adolescente cóntalle do seu intento frustrado de alistarse na Lexión Estranxeira Francesa -tivo que dar a volta na fronteira-, mentres que á súa nai, sendo estudante en Compostela, pídelle diñeiro porque non ten «ni para calcetines ni para cuellos». A través das cartas sabemos que Manuel Antonio fumaba como unha cheminea, que se examinaba de inglés ou cosmografía, e que, embarcado en 1926 no Constantino Candeira, lía a Fernández Flórez, Pérez de Ayala e Blasco Ibáñez mentres o sol o «ennegrecía». O capitán do pailebote, Augusto Lustres Rivas, escribíalle á súa vez dende Almería para falarlle de Pitusa, á que ía escoitar «su canto semiafricano del Charlestón y música de sentimiento».

Outro episodio destacado no epistolario acontece en 1925: Manuel Antonio asiste a unha romaría en Exipto, Boiro, onde por defender a unha moza recibe varias coiteladas do matón que a axexaba, un «troglodita», en palabras de Dieste. Pola contra, a tuberculose que lle quitará a vida está ausente. Na derradeira carta, ao seu curmán en novembro de 1929, admite: «Hoxe non me atopo moi ben e ademais fai un frío atroz; miña nai dixo que me conviña quedar n-a cama e quedeime». Dous meses despois falecía.