Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

A Xunta suma á RAG e ao Consello da Cultura na tarefa de impulsar o galego no tecido económico

Domingos Sampedro
Domingos Sampedro SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

A elaboración deste plan é a resposta do Executivo ante a caída da proporción de galegofalantes, pese a que seu coñecemento social se sitúa nos niveis máis elevados dende que hai rexistros

19 abr 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O Goberno galego botou onte a rodar o plan de dinamización da lingua galega no tecido económico, no transcurso dun acto no que o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, lle fixo entrega do guión e do esquema de traballo que vai ter este documento aos máximos representantes da Real Academia Galega (RAG) e do Consello da Cultura de Galicia, institución que agora deberán facer as súas achegas.

A elaboración deste plan e a resposta dada polo Executivo autónomo a estudos como o realizado hai uns meses polo Instituto Galego de Estatística (IGE), no que alertaba da forte caída da proporción de galegofalantes, pese a que o coñecemento social da que o Estatuto define como a lingua propia de Galicia se sitúa nos niveis máis elevados dende que hai rexistros.

O propio secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, entende que a política sobre a lingua quen que ir máis aló do ámbito educativo, ao que estivo sempre moi enfocada, para actuar máis no eido social. «O problema agora non está no coñecemento do galego, o problema está no seu uso debido a que non está suficientemente implantado na sociedade», dixo en declaración a La Voz.

E por esta razón que o plan proponse actuar no eido socioeconómico, que por si mesmo é moi amplo, pois abarca dende a gran empresa ata os autonómicos, pasando polo comercio de proximidade. E, ademais, quere facelo a varios anos vista, o que explica que plan teña un período inicial de vixencia até o ano 2020. Polo de agora, a Xunta confía en que o documento definitivo poda ver a luz a finais de ano, unha vez que se reciba as achegas de todos os expertos e axentes sociais e económicos convocados a facelo.

O feito de que o conselleiro de Cultura lle entregara onte o bosquexo inicial do plan a Alonso Montero, presidente da RAG, e a Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura, é pola sinxela razón de que ambas institución dispoñen de departamento de sociolingüística que teñen moito que dicir nesta materia. Pero a intención da Xunta tamén é que falen as asociación de empresarios, os comercios e os partidos.