«Memorias dun neno labrego» chega á súa edición número 35

X. F. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

JOSE MANUEL CASAL

O libro de Neira Vilas, escritor que ven de ser recoñecido coa Medalla de Ouro de Galicia, leva vendidos 600.000 exemplares

22 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Pasan os anos, pero a popularidade de Balbino non esmorece. O neno protagonista de Memorias dun neno labrego está de aniversario: máis ben, a obra. A editorial Galaxia comunicou onte que está a chegar ás librarías a edición número 35 deste gran clásico de Xosé Neira Vilas (Gres, Vila de Cruces, 1928). A feliz reedición coincide, ademais, coa entrega da Medalla de Ouro de Galicia ao escritor, que recibirá este venres. A edición que vén de saír do prelo leva unha introdución a cargo de Xesús Alonso Montero, presidente da Real Academia Galega, e unha cuberta con deseño de Luís Seoane. Ao longo dos anos, foron diversos os formatos que coñeceu a obra, que orixinalmente ilustrou Isaac Díaz Pardo. No 2011, cando se celebraron os 50 anos da primeira edición, publicouse unha versión conmemorativa na que se ocupaba da parte gráfica Xaquín Marín.

Do éxito de Memorias dun neno labrego dan fe o feito de que leva vendidos máis de 600.000 exemplares e que á versión orixinal en galego se sumasen as traducións ao castelán, inglés, francés, alemán, checo, ruso e outros idiomas, ademais do maia, o esperanto e o braille. É unha lectura cotiá para os alumnos en moitas escolas galegas. Ademais, foi adaptada á escena por Cándido Pazó, filmouse un documental e o proxecto dunha longametraxe leva tempo en preparación. A historia de Balbino é o testemuño da vida rural en Galicia nun tempo pasado, pero, como bo clásico, cada xeración descubre nela a súa propia visión. A incomprensión do mundo dos adultos e a ollada lúcida dun neno sempre serán temas alén do tempo. Balbino veu á luz en 1961, pero, como Peter Pan, sempre será un neno. Un neno labrego.