Relato de verán de María Calvar. Estudante. 10 anos. Mos
09 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.«Eu sentía como o vento acariñaba a miña cara. Co aire que facía, notaba como o meu pelo ondeaba no vento, e aí, abrín os ollos.
Vin como a ventá do meu cuarto estaba aberta e como as miñas cortinas voaban cara a fóra do meu cuarto, como intentando fuxir, querendo viaxar polo ceo. Todo aquilo fora un soño, provocado por un pequeno detalle, pero que dende aquel día sempre se encontraba nos meus pensamentos.
Unha semana antes, mudeime dende unha gran cidade ata este pequeno pobo, non coñecía a ninguén e non sabía nada del.
O primeiro día de escola, senteime nunha cadeira que se encontraba ao final da clase, un pouco afastada do resto, e alí quedei durante toda a clase.
Ao meu carón encontrábase unha ventá que estaba aberta, cando me decatei, unha bolboreta entrara pola ventá e pousárase no meu caderno. Eu o resto da clase só tiven ollos para ela.
Cando tocou o timbre saímos todos ao patio, incluída a bolboreta, que marchara pola ventá. Fóra volvina encontrar, e alí, debaixo dun carballo, sentei. Nun momento a bolboreta marchou, e despois dun anaco, achegouse a min unha nena, de primeiro ou segundo, e díxome:
-E ti, podes voar?
Nese intre soou o timbre, a nena saíu correndo.
Dende aquel día, é o único que se me pasa pola cabeza...»
Escribía a nena no seu caderno, mentres flotaba polo seu cuarto, sentada no aire coma se estivese na súa cama.