Relato de verán de Begoña Pombar, 53 anos, Noia
25 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.Lara era afeccionada ao equipo de fútbol da súa cidade. Esa tarde no estadio, e coma unha máis, coreaba constantemente cánticos de ánimo para dar fortaleza e apoio, transmitindo o seu orgullo de pertencer ao equipo. Mentres cantaba con decisión, a súa mirada distraeuse seguindo o voo de dúas pombas que se pousaron preto da área do porteiro, peteirando a herba e levantando o voo fuxidías cada vez que se achegaban os xogadores e o balón.
Estaban no último partido dunha tempada con moitas dificultades. As expectativas eran bastante traumáticas, nese partido decidíase permanecer na categoría ou descender. Pasaban as ocasións, o xogo durmíase, os cánticos vibraban agora cunha emoción contida, rezo de desencanto, de impotencia e desesperanza, avivada pola visión da derrota ameazadora. Había quen a quería. Oíanse asubíos. Pero a fortuna íalles sorrir, aínda que sufrindo ata o minuto final.
E chegou, a esférica bóla, despois de ser golpeada, elevouse e trazou unha liña cara o espazo no que unha das pombas, asustada ao verse sorprendida, ía ocupar. Un segundo máxico no que, ao rozar co extremo das súas ás estendidas, unha celestial e leve pluma facía desviar o balón. Nin sequera a punta dos dedos do porteiro na súa estirada puido paralo, dirixíndose sen remedio nunha parábola envelenada cara o interior da portaría. Era o precioso gol da salvación. Final do partido.
Quedou muda e estupefacta ante aquela radiante visión, estaba lonxe de alí. Todo o estadio festexaba a vitoria, pero ela non podía crer que ninguén se decatase do que alí acontecera. A pequena pluma desprendida foi caendo suavemente e perdéndose entre os corpos dos xogadores ata pousarse no céspede.
Lara quedou demorada no asento e esperou a que o campo se baleirase. Achegouse ao lugar e buscou ata atopar a pluma extraviada. Permanece gardada nunha páxina do seu diario na que marca o recordo calado daquel fermoso instante.