A Xunta pon a disposición da cidadanía na Rede material para achegarse dende a lingua propia á diversidade idiomática do continente
26 sep 2015 . Actualizado a las 05:00 h.Europa é un continente plurilingüe no que existen arredor de 200 linguas nativas, 24 recoñecidas oficialmente e unhas 60 rexionais ou minoritarias. Co fin de poñer en valor e dar a coñecer esta riqueza, hoxe celébrase o Día Europeo das Linguas, unha conmemoración que organizan conxuntamente o Consello de Europa e a Unión Europea dende hai xa catorce anos, coa que se pretende presentar e fomentar a gran diversidade cultural e lingüística, así como incrementar o grao de entendemento a través do impulso da aprendizaxe de linguas entre a cidadanía europea.
Na súa condición de comunidade oficialmente bilingüe, Galicia achega, neste contexto, un elemento valioso para súa diversidade, o galego. Así, a Xunta sumouse un ano máis ao festexo -xunto a outras moitas institucións e organismos europeos- poñendo á disposición da cidadanía varios recursos na web da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria cos que achegarse á diversidade idiomática de Europa dende o galego.
Dentro desta campaña, ofrécese a posibilidade aos centros de ensino de participar nunha xeira de actividades propostas en todo o continente para a conmemoración do Día Europeo das Linguas. Entre elas, está a posibilidade de votar ata o 21 de outubro a iniciativa máis innovadora, creativa e transferible que contribúa á promoción das linguas.
Nesta mesma liña educativa, promóvese tamén o uso do Portfolio, un documento fundamental no eido das linguas da Unión Europea, pois constitúe a ferramenta a través da cal se aplica o Marco Común Europeo das Linguas. Para favorecer a súa implantación no eido escolar, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria emite unhas instrucións para aqueles centros que desexen aplicalo co seu alumnado. O prazo de solicitude para facelo remata o vindeiro 9 de outubro.
Por outra banda, a Xunta, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, manifestou a súa adhesión ao Día Europeo das Linguas nunha declaración que pon énfase nos retos de futuro para o galego no contexto actual. «No caso concreto da nosa comunidade, unha das transformacións á que aspiramos consiste en lograr que a lingua que foi o código de expresión das persoas que habitaron Galicia durante os mil últimos anos estea en condicións de seguilo a ser durante os mil anos futuros como vehículo de comunicación útil e dinámico», proclama o documento.
Contribucións galegas
«Esta realidade debe conxugarse coa posibilidade de adquirir, en calquera momento da vida, competencias que nos permitan unha interrelación fluída con outras persoas de ámbitos referenciais, culturais e xeográficos tanto próximos como máis afastados», continúa a declaración. «Ese é, precisamente, o obxectivo que persegue, en materia de linguas, tanto o sistema galego como o marco programático en vigor no que se levaron a cabo iniciativas tan pioneiras coma a Lei 1/2014, para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía, que aprobou o Parlamento de Galicia en marzo do 2014», engade o documento subscrito pola Xunta.
Segundo expón este manifesto, estas son algunhas contribucións galegas, que se suman a moitas outras doutros países e que «procuran converterse en chanzos cara á consolidación dunha maior comunicación e dun mellor entendemento entre os pobos de Europa», baixo o «compromiso común de camiñaren collidos da man cara a un futuro de comunicación, entendemento e colaboración».