«Antoloxía poética» é unha escolma de arredor dunhas oitenta pezas da súa amplísima traxectoria a cargo de Amelia Outeiro Portela e Darío Xohán Cabana
05 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.Comezan a chegar ás librerías obras arredor de Manuel María, o autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas. Vén de saír do prelo Antoloxía poética (Galaxia), unha escolma de arredor dunhas oitenta pezas da súa amplísima traxectoria a cargo de dúas persoas que coñeceron ben ao escritor, Amelia Outeiro Portela e Darío Xohán Cabana. Este último, autor do limiar do volume, advirte da imposibilidade de representar a extensión e variedade da obra do poeta, polo que optaron polo criterio de elixir aqueles que mellor expresaban a «emoción poética» de Manuel María. «Non queríamos que fose unha enciclopedia de formas ou de temas, senón escoller os máis logrados, os máis fermosos, os máis perfectos», explica.
O prólogo a cargo de Cabana sintetiza as características da poesía de Manuel María, que se divide en catro períodos. No primeiro, cualificado como «xuvenil», destaca a «potencia extraordinaria» coa que o poeta entra na literatura galega grazas a uns versos debedores do surrealismo no formal e próximos ao existencial no fondo. Esta etapa conclúe con Advento. Unha nova xeira ábrese cando Manuel María fai o servizo militar en Santiago, na que prescinde do «luxo verbal» anterior e adopta unha contención. «O existencial sigue, pero máis sosegado», describe Cabana. En 1966 arranca o terceiro período, no que Manuel María se achega claramente «á vocación social dunha poesía de combate», e que dará libros como Versos pra un país de minifundios ata que en 1980 entra na derradeira etapa. «O social pasa a un segundo plano e volve á poesía de confesión persoal, máis espida, máis sinxela», apunta o antólogo.
Unha celebración popular
Darío Xohán Cabana foi tamén un dos académicos que propuxo para a celebración do 17 de maio a Manuel María, a quen considera «a figura máis poderosa da súa xeración poética e unha das máis significativas na construción nacional galega». Xa que logo, esta edición do Día das Letras está chamada a ser unha das máis vividas e difundidas, non só pola calidade da obra do escritor, senón tamén pola súa dimensión política e persoal. «Manuel María é o poeta galego máis popular de Curros para acó», conclúe Darío Xohán Cabana.