O Bierzo lanza a candidatura do poeta Morales ao Día das Letras Galegas 2017

Suso Varela Pérez
suso varela LUGO / LA VOZ

CULTURA

O poeta berciano Antonio Fernández Morales (1817-1896)
O poeta berciano Antonio Fernández Morales (1817-1896)

Colectivos culturais e alcaldes da comarca presentan hoxe a petición en Villafranca

09 mar 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Villafranca del Bierzo celebra hoxe as súas oitavas Xornadas Martín Sarmiento, un encontro no que participan membros de todos os niveis educativos da comarca, onde se imparte o programa de galego que puxeron en marcha a Xunta de Galicia e a Junta de Castilla y León no 2002, coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas dedicado ao pai Sarmiento. Catorce anos despois, e ante a presenza de autoridades de ambas Administracións (entre elas, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García), cinco colectivos culturais que loitan pola defensa da lingua e a cultura galega no Bierzo e arroupados por varios alcaldes, lanzarán a proposta para que o vindeiro ano a Real Academia Galega dedique a festa das letras a Antonio Fernández e Morales (Astorga, 1817-Cacabelos, 1896).

Non é a primeira vez que desde o Bierzo se intenta pór en valor a figura deste poeta e militar, auténtico precursor do uso do galego na literatura co seu libro Ensaios poéticos en dialecto berciano (1861), dous anos antes dos Cantares gallegos de Rosalía. No 2010, e co apoio da Universidade de Vigo, Fundación Penzol, grupos culturais e o Concello de Cacabelos, presentaron a súa candidatura. Agora faise un novo intento para o 2017, coincidindo co bicentenario do seu nacemento, coa idea de que se dea a coñecer a súa figura non só en Galicia, senón na propia comarca leonesa, onde a figura de Morales quedou eclipsada pola dun escritor contemporáneo, Enrique Gil y Carrasco, a quen o pasado ano se lle renderon numerosas homenaxes polo tamén bicentenario do seu nacemento.

Os cinco colectivos que propoñen a Fernández e Morales para o Día das Letras Galegas 2017 -Comisión Cultural Martín Sarmiento, Grupo As Médulas para a Lingua e Cultura Galegas no Bierzo, Fala Ceibe, Escola de Gaitas de Vilafranca do Bierzo e Asociación Berciana da Lingua Xarmenta- presentarán hoxe máis de oitenta sinaturas de destacados profesores das universidades galegas, escritores galegos e bercianos, docentes, xornalistas, editores, artistas, alcaldes bercianos e membros correspondentes da Real Academia Galega.

Consideran que aínda que pequena, a obra deste poeta -militar liberal, destinado en Tui nos anos corenta do século XIX, e militante do Partido Radical, polo que foi deputado por Villafranca- merece ser coñecida «polo valor do léxico e das tradicións, aspecto que foron recoñecidos por académicos como Rosario Álvarez ou Antón Santamarina», sinala a proposta que hoxe se presenta. Ademais, no ámbito editorial, Edicións Positivas ten previsto publicar este mes os Ensaios poéticos en dialecto berciano, un libro do que apenas hai volumes en circulación.

Defensa do galego

Pero os defensores da candidatura de Morales pretenden outro obxectivo. Consideran que a Real Academia Galega «daría outro paso máis da defensa do galego no Bierzo, que está atravesando unha situación verdadeiramente dramática», sinala a proposta. Fan referencia, especialmente, a situación que vive o galego nos estudos da ESO do Bierzo, onde pasou a ser unha materia fóra do currículo académico trala aprobación da LOMCE.

Nas xornadas de hoxe no Teatro de Villafranca -onde pola mañá haberá exposicións, teatro e música nos que participarán os alumnos dos colexios, institutos e Escola de Idiomas de Ponferrada- haberá unha mesa de debate na que se analizarán, coa presenza das autoridades da Xunta e da Junta, a situación do idioma galego no Bierzo, e na que se pretende aportar un calendario «de dinamización de novos espazos para o galego no Bierzo». Entre as propostas, estará a de lanzar a candidatura de Morales.