
Xunta e Castela e León ratifican o seu compromiso coa promoción do idioma
13 mar 2016 . Actualizado a las 05:00 h.Máis dun milleiro de escolares de primaria e secundaria das comarcas do Bierzo, en León, e Sanabria, en Zamora, estudan este curso lingua e cultura galegas. Fano en virtude do programa de promoción do galego posto en marcha pola Xunta e pola Junta de Castela e León hai case quince anos e que continúa co seu labor de promoción do uso e do ensino da lingua propia de Galicia nestes territorios galegosfalantes do exterior.
Ambas institucións veñen de ratificar o seu compromiso de colaboración para a vitalidade do galego nestas comarcas. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou en Valladolid na xuntanza anual da comisión mixta de seguimento do Programa de Ensino en Galego. García destacou «o compromiso das administracións galega e castelá-leonesa para melloraren e aumentaren o protocolo xeral de colaboración para a promoción do galego no Bierzo e Sanabria». «Os dous gobernos porán en marcha unha campaña de publicidade de cara ao vindeiro período de matriculación para que as familias desas dúas zonas da comunidade veciña descubran as vantaxes de aprender galego», avanzou.
Neste encontro non só se falou do galego no eido educativo, senón que se trazaron liñas de traballo para mellorar a promoción lingüística deste idioma en ámbitos como o cultural, o social ou o administrativo, para o que se busca a colaboración dos concellos destas zonas estremeiras, así como do Consello Comarcal do Bierzo.

A colaboración institucional cimentouse no 2001, ano no que se comezou a traballar conxuntamente en materia lingüística. Cinco anos despois, no 2006, ampliaríase coa sinatura do Protocolo Xeral de Colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Junta de Castela e León. Máis recentemente, no 2010, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, e o que naquela altura presidía a Junta, Juan Vicente Herrera, asinaron un Protocolo Xeral de Colaboración que abriu unha nova etapa de colaboración. Este último documento tamén ía alén do eido educativo para abranguer tamén as infraestruturas, a sanidade ou o Xacobeo.
O milleiro de alumnos que estudan galego nas provincias de León e Zamora acoden a preto dunha vintena de centros educativos adscritos ao programa de promoción do galego. Isto fai do galego unha lingua cooficial que tamén se pode estudar máis alá do seu territorio.
Exposición de traballos, teatro, mesas de debate e música de Pablo Díaz e a Banda Tic Tac Toc
O galego no Bierzo tamén estivo presente na oitava edición das Xornadas Martín Sarmiento en Vilafranca do Bierzo e que tamén celebrou o Día do Galego. Boa parte dese milleiro de estudantes asistiron a esta cita no Teatro Villafranquino, onde se puido ver unha exposición de traballos de alumnos de varios centros da propia Vilafranca, Cacabelos ou Ponferrada, xunto co de inscritos en galego na Escola Oficial de Idiomas desta localidade.
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, amosou a súa satisfacción pola consolidación destas xornadas, «que actúan como punto de encontro e referencia da aprendizaxe do galego no Bierzo e Sanabria». García tamén apelou á importancia «de que as familias sexan conscientes das vantaxes que o coñecemento do galego e mailo plurilingüismo supoñen para os habitantes destas comarcas, dende o punto de vista cultural, comunicativo e formativo». Neste senso, García puxo como exemplo o ámbito da lusofonía, un eido formado por máis de 250 millóns de falantes e ao que o galego dá acceso.
Nas xornadas celebradas en Vilafranca, o grupo de teatro local Voladores ocupouse da actividade Sarmiento, no Día do Galego no Bierzo. A figura do intelectual tamén centrou unha mesa de debate, e na que tamén se falou de propostas de planificación e dinamización sobre os novos espazos para o galego na comarca berciana. Ademais, tamén actuaron Pablo Díaz e a Banda Tic Tac Toc, ante alumnos de trece centros de primaria.