Xavier Queipo: «A aventura existirá en canto exista o abraio por outras xeografías»

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Cé Tomé

O escritor presenta «Os kowa», unha novela ambientada na Amazonía coa que gañou o premio Blanco Amor 2015

29 mar 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Os kowa (Galaxia), a novela coa que Xavier Queipo (Santiago, 1957) gañou o último premio Blanco Amor, arranca en Europa para logo desprazarse á Amazonía, seguindo ao seu protagonista, un naturalista que marcha tralo ronsel dunha bolboreta e se perde na selva. O escritor, residente en Bruxelas, visita estes días Galicia para presentar o seu libro, mañá en Compostela (Libraría Pedreira, 20 horas) e o xoves en Vigo (Andel, 20 horas).

-No noso mundo hiperconectado, ¿a verdadeira aventura segue a ser a descuberta do humano?

-A aventura está presente en cada sensación, en como esta se percibe e se entende. Temos máis información, é certo, do que imos atopar nun contexto determinado, mais non a temos de como nós imos vivir esa experiencia, que está ligada a nosa percepción, algo sublime no senso de individual e complexo.

-¿Non será tamén que a aventura está na ollada de quen quere vivila e non tanto no escenario?

-Así é. A aventura existirá en canto exista o abraio por outras xeografías e outras sensacións. Está no ollo do que mira e en como se mira a realidade, na capacidade de expansión do universo propio.

-¿Esta historia deberiamos entendela no sentido dos libros de Paul Bowles, nos que os seus personaxes viaxan a lugares nos que o estrañamento os transforma, ás veces alén da cordura?

-Hai tantos xeitos de viaxar como persoas. Unhas conténtase coa observación lineal, superficial diría, mentres que outras experimentan máis alá da percepción primaria. Existe unha ximnástica intelectual que condiciona esa experiencia. Non nomearei todos os elementos desa ximnástica, mais as lecturas, as experiencia vividas, a reflexión verbo do que se observa, a dinámica fluída das sensacións, todo iso e máis configuran o estrañamento e a absorción do vivido.

-Xa escribiu hai moito tempo sobre o Ártico: que posibilidades narrativas ofrece o Trópico fronte aos polos?

-As posibilidades narrativas existen en calquera punto da xeografía. A percepción inicial é que os Trópicos son un escenario barroco en contraposición ao Ártico, máis minimalista. Esta percepción dilúese co exercicio narrativo que require de estímulos externos e internos. O abraio dos glaciares e das montañas de xeo, dos océanos inzados de baleas e do xogo de luces na auroras boreais é distinto daquel que se vive na selva que pasado un tempo semella monótona e interminábel, diferente aínda dos desertos que tamén hai nos trópicos.

-¿Como viviu os atentados de Bruxelas, a súa cidade de residencia dende hai moitos anos?

-O día dos atentados estaba traballando en Chipre. Daquela foi menos traumático do que sería se estivese en Bruxelas. Só ao regreso, tres días despois, dinme de conta do que era o medo nos rostros, a tensión nas olladas, a traxedia dos corpos sen identificar, os compañeiros feridos (a estación de Maelbeek está a carón do edificio onde eu traballo), a normalidade autista que se ía instaurando na sociedade. Non sei que sinto, estouno asimilando devagar.

-¿Cre que de vivir en Galicia habitualmente a súa obra literaria tería sido moi distinta?

-Os textos que eu escribo constrúense nunhas coordenadas xeográficas afastadas, isto é certo, mais constrúense tamén na base dunha tradición literaria, a partir da experiencia de vida, das lecturas, do que se escoita, do que se soña e do que acontece arredor de min. Algúns destes parámetros están claramente marcados pola xeografía, outros son independentes. Noutras palabras, si sería diferente, mais non podo adiviñar a magnitude desa diferenza.

-Houbo no seu discurso de aceptación do Blanco Amor unha reivindicación dunha ollada emigrante, diaspórica, da cultura galega. ¿Que trazos a identifican e que supón no conxunto da nosa cultura?

-A lectura que fai é atinada. Volvendo outra vez os parámetros, a arte da literatura aliméntase de sensacións, internas e externas. O vivir en permanencia no mesmo nicho ecolóxico, sen interactuar co mundo, pode levar a unha visión cativa do que é a vida e o mundo. Explorar é necesario para un escritor, na forma e nos contidos. Se non queremos ver máis alá do Padornelo, non daremos saído deste momento de estancamento temático e formal no que habitamos.