«Galicia vai estar falando moito tempo de Manuel María»

Xosé María Palacios Muruais
xosé maría palacios VILALBA / LA VOZ

CULTURA

ALBERTO LÓPEZ

O conselleiro de Cultura asina coa fundación dedicada ao poeta un convenio para organizar actos ao longo deste ano

17 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

«Galicia vai estar falando moito tempo de Manuel María». Díxoo onte o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, nun lugar onde a pegada da vida e da obra do poeta está máis presente, a sé da súa fundación. Rodríguez desprazouse a Outeiro de Rei, onde asinou coa institución -representada por Saleta Goy, presidenta e viúva do escritor- un convenio para organizar actividades ao longo deste ano.

A decisión da Real Academia de dedicarlle o Día das Letras Galegas xerará exposicións, unidades didácticas e mesmo reedicións de libros de Manuel María. O obxectivo de achegar a súa figura á poboación semella claro, algo que ten unha base real subliñada polo conselleiro: «Manuel María coñeceu toda Galicia, e toda Galicia vai coñecer a Manuel María moito máis», dixo.

Ademais da programación recollida no convenio, a Xunta prepara unha exposición itinerante, titulada «Manuel María. Beleza, amor e compromiso», e en Santiago, o 15 de maio, correrase a carreira Camiño das Letras.

«Un proxecto importante»

A viúva do poeta subliñou o lugar elixido para o acto. A fundación abriu as súas portas na Casa de Hortas, edificio onde o escritor naceu e que hoxe acolle un amplo fondo bibliográfico e documental ademais de obxectos e recordos persoais seus. «Creo que é un proxecto importante para este país, e os gobernos que defenden este país, creo, terán que telo en conta», comentou.

Partindo de que o edificio, unha casa chairega con xardín, permite un percorrido que axuda a coñecer a Manuel María, Saleta Goy percorreu tamén, na súa intervención, os eixes sobre os que se foi levantando a traxectoria do poeta. Lembrou as súas inquietudes existenciais e sociais e a súa vertente intimista; advertiu que unha das súas obras máis coñecidas, Terra Chá, non se reduce a unha descrición da comarca natal, e engadiu que a morte e o panteísmo constitúen «o fío condutor» da súa poesía.

«Este museo defende iso: o idioma, a cultura en xeral», salientou Goy, que mesmo tirou proveito da súa intervención para pedir -no acto estaba presente o alcalde, José Pardo (PP)- que se colocasen sinais indicadoras da fundación na estrada N-VI e na autovía do Noroeste (A-6). O conselleiro, que percorreu as instalacións tras a sinatura do convenio, empregou unha das frases máis coñecidas da película Casablanca para desexar que o acto de onte fose o primeiro chanzo «dunha longa amizade», e advertiu que a fundación tiña que ser «o tractor» dese movemento.