A antoloxía que publica La Voz retrata a un gran poeta
15 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.Manuel María, nado en Outeiro de Rei en 1929 e falecido na Coruña no 2004, viviu a literatura xa dende moi novo, pero a súa traxectoria como autor pode datar o seu inicio arredor de 1950. A partir de entón, non deixaría de escribir ata os seus derradeiros días, deixando como legado unha obra tan ampla -máis dun cento de títulos- como diversa. Aínda que destacou principalmente na poesía, cuns poemarios dunha calidade que o converteron nun dos autores máis relevantes da literatura galega da segunda metade do século XX, tamén cultivou o ensaio, o xornalismo e o teatro. Tampouco convén esquecer a súa faceta de divulgador e animador cultural, dende o seu papel como promotor de revistas poéticas ata as incontables conferencias e recitais que protagonizou.
De todo isto dá testemuño o libro Manuel María. Palabra viva de amor e afirmación, unha antoloxía a cargo de Mercedes Queixas Zas, autora tamén da informativa introdución que precede a escolma e que contextualiza ao escritor e a súa obra. O volume pode adquirise o vindeiro martes con La Voz de Galicia por 1,95 euros mais o prezo do xornal, e forma parte da colección coa que o diario se suma dende hai xa quince anos á celebración do Día das Letras Galegas.
O libro recolle un total de cincuenta e cinco poemas escritos en distintas épocas vitais de Manuel María. Complétase cunha pequena mostra da súa actividade teatral, unha peza breve titulada Auto da costureira.
A antoloxía ábrese con versos do primeiro poemario monolingüe de Manuel María, Muiñeiro de brétemas, onde combina o intimismo coa influencia das vangardas do comezo de século, como podía ser o caso do surrealismo. Seguirían outros títulos tamén representados na escolma, como Advento, que achega ao poeta a o ideario existencialista, e Terra chá, unha das súas obras máis célebres e celebradas, dedicada á paisaxe natural e humana da súa comarca de nacenza.
Mais tamén figura na escolma o Manuel María máis comprometido, autor de libros como Versos para un país de minifundios, Remol ou Os soños na gaiola. A identificación do poeta con Galicia, a súa lingua e a súa cultura, os episodios históricos e movementos de reivindicación nacional e de xustiza, é plena nos seus versos, aínda que nunca deixou de abordar outros temas como o amor ou a morte. As preguntas que se formula todo ser humano son as mesmas que dan forma á poesía de Manuel María.