A historia, unha intriga ambientada en Santiago, será publicada no xornal en agosto
08 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.Unha intriga ambientada nos círculos de estudantes de Santiago é a gañadora do Premio de Novela por Entregas de La Voz, que se fallou onte nunha cea literaria celebrada no Museo Santiago Rey Fernández-Latorre, nas instalacións do xornal. A súa autora é a escritora Blanca Riestra, que presentou o seu orixinal baixo o título de Noire Compostela e o pseudónimo Amanda Lear.
A historia arranca cunha conversa entre un estudante, Xurxo, e Dafne, quen traballa como camareira nun dos bares da zona vella compostelá. A partir de aquí, a historia avanza nun desenvolvemento que inclúe segredos, misterios cuxa orixe se remonta a varios anos, e os enigmas que agocha a chamada Internet profunda ou deep web. Axiña aparecen outros personaxes en escena, tanto compañeiros de estudos como un inspector de policía, Touriñán, e algúns colegas de comisaría, axentes especializados en delitos cibernéticos.
Como en toda intriga, en Noire Compostela hai cadáveres, sucesos inesperados e aparentemente inexplicables, así como feitos do pasado con consecuencias que se prolongan tempo despois. Todo isto cunha recreación atmosférica de Santiago, cos seus lugares de encontro e costumes dos estudantes, que non exclúe certos elementos fantásticos ou marabillosos que contribúen a distanciar a trama dunha intriga de corte convencional.
A autora da novela recibirá un premio de 9.000 euros e a súa obra aparecerá no xornal durante todo o mes de agosto, tanto na edición en papel como na web do diario. Cada entrega será ilustrada por Juan Carlos Abraldes. Ao recibir o galardón, Riestra explicou que para ela a súa concesión implicaba unha situación especial: primeiro, por sumarse á nómina de gañadores anteriores, e segundo, porque despois de dez novelas en castelán esta obra é a súa primeira en galego. «Era algo que quería facer dende había vinte anos e foi unha experiencia moi pracenteira», explicou. «Foi un desafío, pero levaba a lingua moi dentro e grazas a iso redescubrín tamén o pracer da escrita. Espero que aos lectores lles guste tanto como a min escribila».
O Premio de Novela por Entregas de La Voz, que conta co patrocinio de Ámbito Cultural de El Corte Inglés, chegou deste xeito á súa décimo sexta edición. Con esta iniciativa, o xornal recuperou un formato literario que xa apareceu na portada do seu primeiro exemplar en 1882, como lembrou a presentadora do acto, a xornalista de V Televisión Paloma Ferro.
O director de Ámbito Cultural, Ramón Pernas, felicitou á gañadora e a La Voz, «a verdadeira voz de Galicia», mentres que o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o director do xornal, Xosé Luís Vilela, deron a benvida a Riestra ao galego como lingua literaria. O conselleiro definiu o galardón como «un acontecemento clásico do verán». «Eu sigo puntualmente as novelas do premio e serei un dos moitos lectores que terás», foi a súa mensaxe para a gañadora. Serán máis dun millón de lectores, entre a edición en papel e a dixital, como lembrou o director do diario, para quen a cea literaria na que se falla o premio «é a benvida do verán» e quen cualificou a lectura de eixo vital: «Lemos para entender o mundo, para entendernos a nós mesmos».
Unha autora de longa e premiada traxectoria que se estrea cunha obra en galego
Blanca Riestra naceu na Coruña en 1970. Doutora en Filoloxía cunha tese sobre o poeta Juan Larrea, estudou en Santiago e viviu durante varios anos en Francia e nos Estados Unidos, onde entre os anos 2005 e 2007 foi directora do Instituto Cervantes en Albuquerque. Ao tempo, foi desenvolvendo unha intensa traxectoria como autora que se iniciou en 1996 coa novela Anatol y dos más, e que inclúe títulos como La canción de las cerezas, El sueño de Borges, Todo lleva su tiempo, Vuelo diurno e Pregúntale al bosque, entre outras obras.
Riestra vén de gañar a última edición do premio de narrativa Torrente Ballester cunha obra titulada Greta en su laberinto, de vindeira publicación. Na súa traxectoria ten gañado outros premios como o Ateneo Joven de Sevilla, o Tigre Juan e o Ciudad de Barbastro.
Actividade docente
Ademais de cultivar a literatura como autora, Blanca Riestra tamén se dedica ao ensino, actividade que desenvolveu en Roma, Madrid e os Estados Unidos. Na actualidade é profesora de Lingua e Comunicación Escrita no Cesuga da Coruña. Tamén é directora da colección Version Céleste da editora francesa Orbius Tertius.
Os lectores poden enviar os seus relatos ata o vindeiro día 15
A obra gañadora do Premio de Novela por Entregas estará acompañada, como vén sendo habitual, nas Páxinas Literarias de La Voz durante agosto, dos relatos que envían cada ano os lectores. O prazo aínda permanece aberto ata o vindeiro día 15. Poden enviarse relatos, escritos tanto en galego como en castelán, e de temática libre, ata esa data, cando se pecha a participación deste ano.
Os textos non deberán exceder as 25 liñas mecanografadas de corpo 11 (o equivalente a uns 2.100 caracteres con espazos) e poden mandarse por correo postal a La Voz de Galicia. Avenida da Prensa, 84-85. Polígono de Sabón. 15143 Arteixo. Tamén se poden enviar por correo electrónico ao enderezo relatos@lavoz.es. Os participantes deben achegar tamén a súa idade (e autorización paterna no caso de seren menores), nome, DNI, enderezo, teléfono, profesión e, de ser posible, tamén unha breve biografía e unha fotografía.