Víctor F. Freixanes: «As columnas de 'Á marxe' son a gran novela aberta de Carlos Casares»

Xesús Fraga
Xesús Fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

VÍTOR MEJUTO

O escritor e editor cre que a figura de Casares é idónea para o Día das Letras pola súa obra tan variada

25 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Amigo persoal de Carlos Casares, Víctor F. Freixanes (Pontevedra, 1951) foi un dos académicos que promoveu a súa candidatura para o Día das Letras Galegas do 2017. Se se engade que o sucedeu na dirección de Galaxia á súa morte e que lle cadrou ocupar a súa cadeira na Academia, enténdese que para Freixanes existía tamén unha «relación emocional».

-Unha candidatura que tivo éxito e no vindeiro ano o Día das Letras xirará arredor de Casares.

-Era o momento, había case catorce anos, quince no 2017, do seu pasamento, e a min parecíame unha boa oportunidade. Diante doutros candidatos que tiñan, loxicamente, outros méritos abondo, os que asinamos a proposta de Carlos o que pensabamos era continuar o ronsel da iniciativa de Manuel María, que concitou moitas vontades e implicou a moita xente. Carlos ten unha obra literaria moi variada, con moitísimos rexistros: para rapaces moi novos, A galiña azul e os Toribios; para rapaces do que chamaríamos secundaria, xa que Vento ferido é un libro de iniciación para moitos lectores novos na literatura; ten libros para xente do bacharelato, como O sol do verán, que é unha novela moi intensa, de amor. El dicía que o seu estilo era transparente, coma unha fiestra. Claro, transparente, pero moi traballado. Os mortos daquel verán ou Deus sentado nun sillón azul non son libros fáciles. Son libros de investigación, de traballar coa lingua. E ten tamén unha dimensión de investigador, de divulgador, de ensaísta, ademais da de xornalista. As columnas de Á marxe en La Voz son unha gran novela aberta, interminable, a través da cal podes dialogar co mundo e co tempo.

-Sempre dicimos que o Día das Letras homenaxea a un autor, pero a lingua tamén se beneficia da súa obra.

-É certo, e o mesmo pasou con Manuel María, que mobilizou a moita xente no país. Tampouco se trata de que todos os anos haxa que escoller un autor así, pero nestes momentos, sobre todo, necesitamos autores que mobilicen xente, que conciten vontades, que impliquen a persoas e institucións para conmemorar o día e celebrar a literatura galega e a lingua. E desa maneira, igual que Manuel María, Carlos Casares reúne esas características. A maiores, ten unha proxección da cultura galega cara o exterior que está aí. Carlos participou en iniciativas como o PEN Club e os seus libros tiveron unha divulgación fóra que sitúa noutro plano a cultura galega. A súa obra é unha contribución enorme á literatura e á modernidade deste país, que conecta con sectores moi diversos, e que concita vontades e compromisos moi distintos. Pódense recoñecer na súa obra xente de distintas opcións, incluso distintas ideoloxías, e iso é mérito del. Non é un escritor de parroquia ou de partido.

-Un dos obxectivos da celebración tamén é sumar falantes, dos que sempre se di que o galego está a perder. ¿Como ve a cuestión?

-Pois véxoa con preocupación, pero tamén podemos ver a botella medio baleira ou medio chea. Creo que é certo que o país perdeu falantes de galego, pero tamén perdeu habitantes. Hai que dicilo: este país ten un problema demográfico. Porque cando se fala de lectores en galego é principalmente de xente nova, que se incorpora no sistema educativo á lectura nesta lingua e logo poden quedar prendidos no compromiso e na curiosidade polo libro galego. Pero se non hai lectores novos porque o país non medra, temos un problema. Ao lado disto, non houbo coma hoxe tanta conciencia lingüística nas novas xeracións. É un feito obxectivo. Son profesor de universidade e sei o que falan os meus alumnos na cafetería, por exemplo. Despois saben falar tamén outros idiomas, non só o galego, e se adaptan ás circunstancias segundo veñan os ventos ou as necesidades. O problema está en se a lingua galega no ámbito da empresa e da comunicación lles dá cancha. Iso temos que facelo entre todos e ás veces perdemos un partido, pero isto é unha liga, máis adiante empatas ou gañas e así vas avanzando.

-Agustín Fernández Paz dicía que un dos retos era reter esa masa lectora moza de adultos.

-Home, eu estou de acordo con Agustín. Xa é un problema de adultos. O galego ten lectores na xente nova, e mesmo xente entusiasta. Len a Agustín Fernández Paz, a Xabier P. Docampo, a Neira Vilas, as Cousas de Castelao, a Blanco Amor. Hai unha posición moi activa. Entras na adolescencia, faste adulto, a vida profesional dáche as oportunidades que nos dá, non só co galego. Pero transmitir pesimismo é unha estupidez, ninguén se apunta a un funeral. Estamos todo o día diagnosticando cunha precisión exquisita a defunción dunha cultura e dun país e é a profecía que se acaba cumprindo. Se levamos ese mundo a outros idiomas, os lectores pérdense ao saír da adolescencia, en todas as linguas. Pero logo se recuperan en moitos casos na idade adulta. Se o analizas agora, comparando coa xeración dos meus país, déronse pasos xigantescos. Que podía ir mellor, podía. Que cometemos erros, tamén. Necesitamos autocrítica, pero tampouco nos autoflaxelemos. A responsabilidade do futuro da lingua non está precisamente nos que estamos comprometidos con ela, está nunha clase dirixente, e non falo só da política, que utilizan o galego con fines retóricos cando lles convén pero que á hora da verdade pois mira para outro lado. Temos que valorar o patrimonio histórico e cultural e de identidade, o activo económico que para un país supón ter un idioma de seu, que non é unha lingua local, que nos comunica con outras do mundo como o portugués, o brasileiro. Temos que intentar sacar partido a isto e convertelo nunha riqueza, non nun problema.