
Julio Cebrián tivo a honra de ser o primeiro en caricaturizar na prensa a un ministro de Franco, pero no seu facer esa popular portada é só unha anécdota
04 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.Hai que ver moitas viñetas do gran humorista gráfico que foi Julio Cebrián para coñecer, valorar e saborear as excelencias da súa obra. Digo saborear porque os miles de viñetas saídas do seu enxeño e da súa man son un menú longo e estreito que cómpre degustar a modo, poñendo atención na presentación e no gusto das viandas, sabiamente cociñadas. Moitos dos que non o coñecen viron algunha vez a reproducidísima portada que en decembro de 1965 fixo na revista La Codorniz coa caricatura de Fraga portando nos brazos a flamante Ley de Prensa. El tivo a honra de ser o primeiro en caricaturizar na prensa española a un ministro de Franco, pero no seu facer de grafista esa popular portada é só unha anécdota. Cebrián foi un debuxante orixinalísimo, expresionista e surrealista a un tempo e creador dun estilo persoal, axeitado ao seu humor entre satírico e tenro. Ante a imposibilidade de comentar a súa obra ao longo de máis de seis décadas, detereime en dúas etapas: a da plenitude nos anos setenta, cando era unha das estrelas de La Codorniz e a última, con oitenta anos de idade, en Interviú.
Alguén comparou o Julio Cebrián dos anos setenta co alemán Grosz, supoño que polo marcado expresionismo dos deseños e pode que tamén pola novidade do estilo. Grosz contou nas súas memorias que para crear aqueles personaxes tan distintos a todo o feito anteriormente no grafismo satírico, se inspirara nos debuxos dos nenos e nos grafitis que vía nos retretes públicos. Cebrián non dixo como creou aquela linguaxe gráfica tan persoal, tan súa, que ninguén ousou imitar; pero quizais non fixo máis que converter en creación artística a torpeza dos riscos nos debuxos da adolescencia. Despois estudaría a Grosz e a moitos outros debuxantes e pintores, ata se converter nun autodidacta culto.
O Cebrián de Interviú, con oitenta anos cumpridos, paréceme tan admirable como o de La Codorniz, porque é máis expresionista, máis surrealista e máis vangardista que nunca. Con oitenta anos, Cebrián debuxaba e pintaba -nunca as viñetas foran tanto «debuxo e pintura»- coa creatividade dun mozo de vinte. Se o Cebrián de La Codorniz podía ser relacionado con Grosz, o de Interviú fai lembrar ao Bernini octoxenario que, con trazos tremelantes, debuxa a impresionante caricatura do papa Inocencio XI, converténdoo nun insecto.
Coido que unha escolma dos debuxos-pinturas de Cebrián publicados en Interviú nos anos 2010 e 2011, tan diferentes e tan audaces sempre, darían nunha exposición a verdadeira dimensión deste humorista gráfico galego, de talento inesgotable.