O debuxo e a ilustración tomarán esta semana as rúas e museos de Santiago

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

miguelanxo prado

A cidade acolle o primeiro encontro internacional de cadernos de viaxe

07 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

En Santiago, como cidade turística que é, xa non resultan rechamantes os centos de persoas que a retratan con cámaras e teléfonos. Porén, dende este xoves ata o domingo, os viaxeiros portarán utensilios ben diferentes: lapiseiros, cadernos, pinceis e outros instrumentos para captar a paisaxe urbana dun xeito máis demorado e artesanal. Entre eses días a cidade acolle o primeiro encontro internacional de cadernos de viaxe, unha iniciativa de Compostela Ilustrada organizada por Concello, Deputación da Coruña e Turismo de Santiago, baixo a dirección de Miguelanxo Prado.

Ademais de percorrer as rúas con caderno e lapis, a reunión ten programadas tres exposicións, clases maxistrais e presentacións de libros. O programa completo pódese consultar en www.compostelailustrada.com, web na que tamén se poden formalizar as inscricións para participar das actividades. A falta dunha semana para o seu inicio, os inscritos achegábanse aos douscentos adultos e máis dun cento de cativos, procedentes de Galicia, ademais de Asturias, Barcelona, Portugal, País Vasco, Madrid ou Valencia, entre outros lugares. «Hai xente que se move moito grazas a esta afección, o que resulta francamente ilusionante», describe Miguelanxo Prado. El é un dos ilustradores recoñecidos, canda Catel Muller, Ana Luisa Frazao, Joaquín González Dorao, Fermín Solís, Calra Marta, Sagar Fornies e Inma Serrano, que participarán no encontro. Algúns deles percorrerán a cidade con grupos de debuxantes, en función de diferentes temáticas: lugares singulares, os habitantes da urbe, a Compostela verde, a arquitectura contemporánea e Santiago visto dende as alturas.

Algúns destes participantes que se dedican á ilustración de xeito profesional ofrecerán clases maxistrais no CGAC para explicar o seu método de traballo e como se enfrontan ao caderno, mentres que na zona vella, en horario nocturno, haberá ocasión de practicar o debuxo coa gastronomía como fío condutor. Os alimentos tamén centrarán outra xornada, cos produtos da praza de abastos como protagonistas, mentres que no Museo de Historia Natural da Universidade se ofrecerá unha actividade de debuxo pensada para cativos.

Os participantes poderán ver en vivo como se desenvolven os debuxos, pero tamén terán oportunidade de admirar traballos xa rematados. Son os que dan forma a tres exposicións. Unha, na Galería Sargadelos, propón un achegamento ao eido da ilustración en Portugal a través da obra de vinte artistas da axencia Illustopia. Outra, Santiago, cidade ilustrada, recolle visións da cidade a partir do caderno de viaxe, a historieta e a literatura infantil e xuvenil. Pode verse na Fundación Torrente Ballester, que tamén acolle a mostra Cadernos boSCQuejeros, coas acuarelas deste grupo, nacido no 2005, que se reúne para pintar e charlar na cidade.

Práctica recuperada

Precisamente este grupo foi un dos xermolos do encontro, que deu en Miguelanxo Prado, cuxos debuxos de viaxe son ben coñecidos entre os seguidores da súa obra, co director propicio. O celebrado autor ilusiónase ao falar da actividade destes artistas de rúa. «É xenial ver esta dedicación polo debuxo e os cadernos, como saen a retratar a cidade dende outro punto de vista, cunha perspectiva máis calma, máis demorada», describe. «E en moitos casos é xente que gozaba na infancia co debuxo e logo, por unhas cousas ou outras, deixaron de pintar e agora estano recuperando», engade.

Tratándose dunha actividade de rúa, esta semana organizadores e participantes tamén estarán pendentes da predición do tempo, aínda que o vello refrán de que en Santiago a chuvia é arte ofrécelles a mellor das xustificacións para empuñar o lapis se o tempo se porta mal. «Temos un plan alternativo», confirma Prado. Por algo hai tantos soportais na cidade.

Un chanzo máis para un programa estable e anual

Miguelanxo Prado é director do salón do cómic Viñetas desde o Atlántico da Coruña dende o seu inicio en 1998. O artista amósase ilusionado coa resposta do encontro de cadernos de viaxes -os organizadores xa pensan na celebración dunha nova edición o vindeiro ano- polo que supón de chanzo para avanzar cara a un programa estable que organice ao longo do ano distintas actividades arredor da ilustración e a banda deseñada en diferentes lugares de Galicia, no que Prado denomina unha «estrutura orgánica e harmónica».