Narf, alma xemelga e viaxeira

Uxía TRIBUNA

CULTURA

20 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O Fran Pérez, Narf, foise coa lúa grande. O baleiro que deixa en min e nos milleiros de persoas que o quixeron e amaron é inmenso, mais non debemos caer na tentación só do lamento e dos golpes no peito porque el é dunha tribo que acredita no futuro e deixounos o exemplo de como debemos ser valentes e deixar a pel por e para a música no escenario, na estrada, nos camiños intrincados da arte. Aínda que, como ben dicía, quen sabe cantar a tristeza, sabe captar a esencia da alegría. A música foi para el un impulso tan irremediábel e primitivo como a propia vida e iso guiouno sempre. Teño aprendido moito do meu compañeiro, abofé: a entrega, a empatía, a autoesixencia, a xenerosidade sen límites, a serenidade para afrontar os problemas, o humor en momentos complicados, a calma no medio do vendaval...

Fran, o meu faro errante polos vieiros da Galiza imaxinaria que percorremos sen descanso desde que tiven a fortuna de cantar ao seu lado como unha soa voz, atopando un lugar común onde harmonizar na sinxeleza os nosos xeitos, tan diferentes. Así unimos a distorsión salvaxe da súa guitarra coa nosa arma poderosa, a pandeireta, convidamos ao baile e a abrir as mentes ao noso espazo emocional, ese que habitamos e soñamos.

Foi un privilexio ter compartido tantas conversas, novas e vellas amizades, desde Chile, Arxentina, Uruguai, Londres ou Brighton, á longa e vizosa xira polos EE. UU. de costa a costa. Impactoume o interese polas persoas, polas terras que visitamos xuntos. A súa curiosidade levounos sempre a vivir momentos sublimes e situacións moi divertidas tamén. Nós, sempre crendo no potencial da música como ferramenta de comunicación. Nós, coas raíces ben chantadas mais coas antenas, as ramas, conectándose con outros mundos.

Pero quizais o máis interesante desta irmandade con Narf é o que nos propón el como idea de identidade que o conecta con xente de aquí ou de acolá orgullosa do que é; non con soberbia, senón con amor. Amor polo que somos, pola terra, pola fala, polo que vivimos e mamamos. A nosa identidade, como galegos ou africanos, é un patrimonio dun valor incalculable e nos fai habitantes desa Galiza imaxinaria que está en calquera corazón que a sinte, da illa de Arousa a Maputo. Narf foi un cancionista, un cronista dun tempo e dunha identidade, un guerreiro da música que deixou os seus últimos folgos e a súa poderosa enerxía, o seu sangue de afrogalego, enriba do escenario do Principal nun concerto que non esqueceremos nunca. Resoaron as timbilas e os tambores encarnáronse no corpo deste galego con alma africana e do mundo.

Como ben dixo Xelís de Toro, «Fran ergueu o Totem da música día a día, con mimo e cariño, con furia e paixón, co canto delicado e o berro atroz, aquí están as pantasmas dos devanceiros, o choro dun neno, o bico do amante e os ollos do futuro, aquí está o que máis amamos e o que máis nos doe». E eu engado, como nas cancións de Lennon, Cohen ou Dylan, como só os grandes cancionistas saben facer, co oficio e coa xenialidade á que nos tivo tan acostumados e que nos acompañará sempre!

Eu, compi, alma xemelga e viaxeira, souben no mesmo momento de verte que alá no fondo da miña alma viaxeira tiña un lugar para ti, un bo lugar para ti, na mimosa porta do meu corazón para sempre. Grazas por tanto, compañeiro!