Unha mostra escolma na Coruña o persoalísimo traballo editorial do artista
16 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.O traballo como ilustrador de Xosé Cobas (Negreira, 1953) en relación co libro abrangue dende as capas e imaxes interiores ata marcapáxinas ou carteis para todo tipo de actividades editoriais e literarias. Non é raro, logo, que o artista asegura que un ilustrador, mesmo antes que ser un gran debuxante, debe ser «un gran lector». «A plasticidade, a técnica, claro que son importantes, pero o que é fundamental é a lectura, a análise do texto, que che permiten a busca da imaxe sen caer na redundancia co que di o autor», explica. Esa lectura é o que lle permite buscar os ocos entre as palabras, «o que se insinúa ou que non di claro», para atopar unha interpretación visual que complemente o escrito.
Desa atención sutil que Cobas presta aos incontables libros cos que dende hai máis de tres decenios vén traballando dá testemuño a exposición Xosé Cobas, a ilustración compartida, que se inaugura hoxe no Kiosco Alfonso da Coruña e que se poderá ver ata o 12 de febreiro. A mostra escolma diferentes facianas dese persoalísimo selo que o artista imprime ás súas creacións visuais, mentres que o catálogo achega dúas reflexións sobre a súa estética, a cargo de Teresa Durán, da Universidade de Barcelona, e o escritor Xabier DoCampo. Precisamente este último coñece ben os mecanismos creativos de Cobas, non en van son xa moitos os libros notables que naceron da súa colaboración. «Hai ocasións nas que as imaxes modifican algúns aspectos do texto. A min gústame dialogar co autor e nese diálogo buscamos a confluencia da parte textual coa visual», describe o artista, que pon como exemplo desa colaboración A illa de todas as illas. Con todo, Cobas cre que é o texto o que polo xeral marca a pauta, un proceso que compara co pintor naturalista «que le na natureza e logo fai a súa interpretación».
Durán, pola súa banda, enumera algúns dos trazos característicos do estilo de Cobas: a súa capacidade para suxerir coa imaxe contidos que van máis alá dos límites da páxina, o «rigor académico» co que trata as súas figuras, o dinamismo a través da cor, o gusto por arquitecturas inexistentes e pola inclusión, con propósitos simbólicos, de árbores, froitas e animais, ademais de referencias á propia historia da arte. Cobas confírmao: «Gústame que eses elementos se convertan en metáforas. Por exemplo, unha granada pode selo dunha cidade, con eses graos e as veas que son como rúas ou casas. Xa o di o fermoso nome en galego, milgranda». Sempre que ten ocasión de incluír -«se vén a conto»- referencias á historia da arquitectura, da pintura, da escultura, Cobas aproveita a ocasión. Pero a súa gran fonte de inspiración tena clara: «A memoria e a experiencia».