Antón de Santiago presenta cun recital o seu cancioneiro sobre poemas galegos
CULTURA
Alumnos e docentes do Conservatorio Superior da Coruña interpretaron pezas do seu «Cantigas líricas galegas»
16 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.A interpretación do poema de Curros No bico un cantar, a cargo do coro do Conservatorio Profesional da Coruña dirixido por Juan Pérez Berná, abriu o recital no que Antón de Santiago presentou na noite de onte o seu novo libro: Cantigas líricas galegas. Para canto e piano e pezas corais (Edicións Fervenza). Trátase dun conxunto de partituras musicais que compuxo Antón de Santiago e, como lembrou, antes de empezar o concerto, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, estará a disposición dos conservatorios e músicos de todo o mundo que desexen interpretar estas obras.
As composicións musicais deste libro teñen a súa orixe en poemas de Rosalía, Curros, Lorca, Cunqueiro, Miguel Anxo Fernán-Vello, Celso Emilio Ferreiro, Cabanillas ou Ramiro Fonte.
Entre as pezas que soaron onte na sede coruñesa de Afundación, A elegancia é un corpo, interpretada por Victoria Álvarez, soprano, e Andrés Yánez, piano; Nao senlleira, con Cristina Suárez, soprano, e Pablo Diago, piano; ou Divina Rosalía, co barítono David González e Pablo Diago, ao piano.
Antes do recital, Antón de Santiago lembrou os seus comezos no mundo da música e como debutou precisamente cun monográfico de cantigas líricas galegas. Tamén agradeceu a asistencia de Fernando López-Acuña en representación da Real Academia Galega. O cantante e compositor enxalzou o seu paso polo centenario coro Cántigas da Terra e recordou ao pianista Ramiro Cartelle, que o empuxou a cantar.
Tamén interpretaron onte Canzón de cuna para Rosalía de Castro morta, David González, barítono, e Daniel Zacarés, piano; Catro cantares de Ramiro Fonte, a cargo de Carla Romalde, soprano, e Matías Cobo, piano; ou Non convén chorar máis, sobre un poema de Luís Pimentel, que recrearon Eliseu Mera, barítono, e Javier Ares, piano.