Clásicos do Pensamento incorpora tres obras de política, educación e filosofía

Montse García Iglesias
Montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

PACO RODRÍGUEZ

Son traducións críticas de traballos de Dewey, Montaigne e os fundadores de EE.UU.

07 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

As obras Os ensaios de Michel de Montaigne, Democracia e educación de John Dewey e O federalista de A. Hamilton, J. Madison e J. Jay constitúen os tres volumes que se incorporan este ano á colección Clásicos do Pensamento Universal, creada en virtude dun convenio entre a Fundación BBVA e a USC (Universidade de Santiago) e que permite ler en galego pezas fundamentais do pensamento científico, humanístico ou social en traducións críticas. 

«Este ano presentamos ao inventor do ensaio, a un autor fundamental da nova educación e un libro que mostra de onde ven a democracia norteamericana», destacou o director da Real Academia Española e director da colección, Darío Villanueva. Clásicos do Pensamento Universal iniciouse no ano 2002 e inclúe xa 28 títulos, entre os que figuran obras de Platón, Aristóteles, Séneca ou Newton, entre outros. «Non podemos entender o noso presente sen recorrer a estes textos fundamentais», engadiu Villanueva, durante a presentación dos tres volumes, que estivo presidida polo reitor da USC, Juan Viaño, e que contou tamén coa presenza da directora de comunicación e relacións institucionais da Fundación BBVA, Silvia Churruca, así como cos prologuistas e tradutores das novas obras.

O federalista, con prólogo de Roberto Blanco Valdés e tradución de Ramón Máiz e Alfonso Mato, «é un libro fundamental e absolutamente actual», en palabras do seu prologuista. Nel recóllense un conxunto de artigos de xornais entre 1787 e 1788 escritos polos máis relevantes pais fundadores dos Estados Unidos. «Fai tres achegas claves: o debate federal, os poderes do presidente -como limitalos- e o debate sobre o control da constitucionalidade», explicou Roberto Blanco Valdés. Ademais, enxalzou, é un libro de sinxela lectura. Un dos seus tradutores, Ramón Máiz, engadiu que o propósito do seu labor era facer un texto accesible e actualizado, que inclúe case catrocentas notas.

 

Democracia e educación, de John Dewey, outro dos novos volumes, ten como prologuista a Antón Costa Rico e como tradutor a Manuel F. Vieites. Costa Rico destacou que Dewey foi o autor dunha intensa e extensa obra na que propón a teoría xeral da educación. «É un dos máximos autores da escola nova», lembrou o prologuista, que anotou que propón un modelo educativo no que se potencia tamén a creatividade do alumnado. 

Gonzalo Navaza, pola súa parte, prologou e traduciu Os ensaios (escolma), de Michel de Montaigne. «O que ten de particular este traballo é que parte da nova edición canónica dos ensaios, a primeira edición póstuma», sinalou. 

O reitor da Universidade, Juan Viaño, afirmou que a colección goza de gran saúde, como demostra que xa están decididos os títulos do próximo bienio. A representante do BBVA, Silvia Churruca, pola súa banda, incidiu en que detrás da colección Clásicos do Pensamento Universal tamén hai un importante traballo de investigación para facer as obras compresivas e poñelas no seu contexto.