Siro López vén de presentar a primeira investigación sobre a invención do humorismo polo autor do «Quixote»
11 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.Cervantes e o Quixote. A invención do humorismo é a primeira investigación en profundidade sobre a creación dun novo xénero, o humorismo. O número 36 dos Cadernos Ramón Piñeiro leva a sinatura dun humorista de longa traxectoria, Siro López (Ferrol, 1943), que continúa deste xeito a investigación iniciada por Celestino Fernández de la Vega coa publicación en 1963 de O segredo do humor.
-¿Por que o «Quixote» representa o humorismo?
-É un personaxe ridículo, un tolo que fai tolerías. E os tolos, aínda que nos inspiren piedade, pola súas tolerías son personaxes cómicos. Se hai un personaxe cómico é don Quixote. Pero no momento no que deixa de falar de cabaleirías, cando se pon a falar doutras cousas, é un personaxe completamente sisado, é unha persoa boísima, culta, progresista. É un personaxe tan excepcional que nos crea mala conciencia da risa cando fai tolerías. Chegamos a solidarizarnos, a identificarnos con don Quixote, todos somos un pouquiño don Quixote.
-¿Iso é o humorismo?
-Ese é o humorismo. É que o lector chegue a identificarse con este personaxe que é cómico nun determinado momento pero é sublime noutro. Non podemos deixar de rir porque é un tolo, pero non podemos deixar de admiralo porque cando non fai tolerías é a persoa máis cabal, máis intelixente, máis boa, máis nobre e máis xenerosa que coñecemos. Ese é o primeiro personaxe humorista da literatura universal, antes non había ningún. Despois serve de modelo para moitos máis: Charlot é un quixote, un ser desvalido, inocente, un don quixote moderno. E moitísimos máis personaxes da literatura, do cine, do teatro, seguiron despois o modelo de don Quixote.
-E os primeiros en decatarse foron os románticos.
-No século XIX os románticos ingleses e alemáns descobren en Cervantes ao creador dun novo xénero. Entón en España empeza a valorarse o Quixote doutra maneira. Pero temos o problema de que perdemos as colonias e sufrimos unha afrenta de parte dos Estados Unidos na guerra de 1898. En España os intelectuais empezan a buscar maneiras de levantar a moral dos españois, e don Quixote pasa a ser un ideal, o ideal do español, que se enfronta aos muíños de vento. E vai pasando por diferentes etapas a figura de don Quixote. Hai moita comprensión, moita simpatía para don Quixote, e ningunha para Cervantes, porque tampouco entenden o que fixo Cervantes. Unamuno chegou a dicir aquel disparate de que «Cervantes no entendió a don Quijote», unha frase tremenda. Tamén hai que dicir que pasados trinta anos Unamuno recoñeceu que o único humorista que había na literatura española era Cervantes. El rectificou tamén.
-¿Por que non se tiña en conta o humorismo?
-O humorismo nunca se entendeu en España, nunca houbo filósofos que estudaran o humor. O primeiro que estuda o humor de Cervantes de verdade é Pirandello, que escribe un tratado que chama L’Umorismo, e a figura central é Cervantes e o Quixote, pero en España non interesou, ninguén lle deu importancia. Os estudos sobre humor en España son mínimos. Pío Baroja e Ramón Gómez de la Senra falan de humorismo, pero quen lle meteu o dente realmente foi Celestino.
-Así que España nunca tomou en serio o humor.
-Ortega, que é un filósofo importante, non ten ningún estudo sobre o humor. Nin Julián Marías. Os únicos que se preocuparon do humor son os filósofos galegos: Domingos García-Sabell, Rof Carballo, Celestino Fernández de la Vega, Ramón Piñeiro... Pero en España nunca interesou.
-¿Hoxe tampouco?
-Eu creo que non interesa. É mais, creo que incluso en Galicia, desaparecida a xeración de Piñeiro, hai un desinterese moi grande polo humor. Hai moi poucos traballos que se preocupen de analizar, achegando reflexións novidosas, sobre o humor.
«Cervantes foi capaz de rir da sua debilidade e converter en materia humorística a sociedade na que vive»
O ensaio de Siro López fala de como crea Cervantes o humorismo e tamén por que.
-A súa investigación parte de que na mesma época Cervantes escribe o «Quixote» e os Carracci sacan o primeiro libro de caricaturas.
-Non pode ser unha casualidade, a casualidade é que sexa en 1605. ¿Que pasa para que nazan á vez o humorismo literario e gráfico? Pasa que España e Italia son dous pobos profundamente católicos e están condicionados pola Contrarreforma. E ese é o punto de partida da miña investigación, que tiña que ser a de Celestino.
-¿Que leva a Cervantes a usar este novo xénero?
-Por unha parte el ten unha vida persoal que é terrible e grazas ao sentido do humor foi capaz de rir da propia debilidade e grazas ao seu sentido do humor foi capaz de converter en materia humorística a sociedade na que vive. El identifícase con don Quixote, don Quixote é el. Isto dío brillantemente Pirandello, que afirma que el non cre que don Quixote nacera nun lugar da Mancha senón que naceu en Alcalá de Henares en 1547.
-¿E como o fai?
-A fórmula que utiliza para facer humorismo consiste en empezar contando unha cousa moi graciosa e de súpeto no medio da narración mete, sen vir a conto, un detalle que vai alterar a narración, que descoloca ao lector, que ao final, non sabe se emocionarse ou se rir, e acaba sorrindo.
-A investigación tamén trata a galeguidade de Cervantes.
-Era un galego por orixe, por familia, por antepasados, pero nin os seus pais nin os seus avós naceron en Galicia. Ademais, Cervantes utiliza a retranca varias veces. Íalle na xenética porque a retranca só se dá en Galicia.
-Di que Cervantes creou un humorismo benévolo. ¿Haino malévolo?
-Cervantes dá nacemento a unha forma de humorismo que si hai que cualificar de benévolo, pero logo caben distintas formas. Igual que cando lle poñemos cores ao humor e dicimos: é humor verde, é humor negro; aquí pasa o mesmo.