O autor homenaxeado o Día das Letras Galegas cultivou dende a infancia a paixón polas películas, tema crucial na súa novela «Ilustrísima» e moitos dos seus artigos
10 abr 2017 . Actualizado a las 17:21 h.Tanto na estrutura dos textos longos como na propia maneira de narrar, o cine, coa súa diferencial técnica narrativa, estivo presente na obra literaria do cinéfilo Carlos Casares moi por encima do que noutros escritores do seu tempo, ao tempo que se manifestaba como indicador claro da súa modernidade e do seu compromiso co presente que lle tocou vivir.
Foi quen de dar cabida ao cine por vez primeira na nosa novelística con Ilustrísima (1980). Foi precisamente Otero Pedrayo quen lle facilitou a nota central da presenza na capital ourensá a comezos do século XX do exhibidor Barbagelatta, de orixe italiana. A partir dela, Casares teceu unha trama costumista que, ao tempo que recollía as desconfianzas eclesiásticas con respecto ao invento dos Lumière, reflexionaba arredor da tolerancia e da convivencia nunha cidade provinciana. A inmediata saída en castelán da novela, prologada por Torrente Ballester, acompañouse dunha merca de dereitos por Televisión Española, pero que nunca chegaría a materializarse en nada.
Mais a relación do escritor ourensán co mundo das imaxes xa viña de vello e desde varias frontes. Por iso se singulariza no panorama literario galego do século XX. Casares lembrou nos seus artigos a súa infancia en Xinzo, con mencións ao «cine da Ruca» e numerosas anécdotas, como aquela na que, con outros nenos, buscaban nos cubos do lixo os inexistentes fotogramas censurados do filme Gilda, rodado en 1946.
O hábito de frecuentar as salas continuou na súa mocidade ourensá e mais cando foi estudante en Compostela, e agromaría na súa faceta como articulista en La Voz de Galicia desde 1975, coas columnas semanais A ledicia de ler, onde tamén reflexionaba sobre as relacións entre a literatura e o cine, e inmediatamente despois no dietario Á marxe, entre 1992 e comezos do 2002, vertendo lembranzas de espectador e ao tempo amosando unha ampla cultura cinematográfica.
Anécdotas de infancia
Tratou do cine en numerosas ocasións, con referencias a actores -Mickey Rooney, Tony Curtis, Burt Lancaster, Warren Beatty, Ronald Reegan-, actrices -Katherine Hepburn, Grace Kelly, Lana Turner, Greta Garbo, Jean Seberg, Marilyn Monroe-, directores -John Ford, Ed Wood, Luis Buñuel, David Lean, Billy Wilder, Woody Allen…-, escritores -Dashiell Hammett, Truman Capote-, persoeiros variados -Will H. Hays, William Desmond Taylor, Coco Chanel-, filmes -Casablanca, My Darling Clementine, À bout de souffle, Robín de los Bosques, Sabrina, Gilda-, ou anécdotas -os seus recordos de infancia do imaxinario cine Pipa Verde- como as vinculadas con José Suárez, para el Pepe Suárez, presente en polo menos oito columnas. Foi a través delas como deixou testemuños da súa amizade co fotógrafo e cineasta de Allariz, personaxe pouco prodigado publicamente e co que compartiu butaca, sobre todo nos cines ourensáns Losada, Xesteira e Mary, dando pé a saborosas incidencias. Conta Casares que Suárez era moi crítico cos filmes. No artigo Un pesado celofán (decembro de 1992), lembra «unha vez que estabamos os dous nun café de Ourense, facendo tempo para ir ao cine, un teimudo hábito nocturno que compartimos durante anos». E prosegue: «Achegouse a nós un amigo común, tamén cinéfilo, que nos recomendou ir ver La hija de Ryan, da que dixo que tiña unha fotografía excelente. Indignado, Pepe Suárez respondeulle que no bo cine, a boa fotografía simplemente non se nota».
Finalmente, Casares sumaba a faceta de filmador, cunha cámara de super-8 mercada a comezos dos setenta, e coa que fixo varias filmacións coa cabeceira da imaxinaria produtora Svega Films, unha chiscadela á Suecia natal da súa dona, Kristina Berg. Entre elas, unha en 1973, sobre a Revolución dos Caraveis en Portugal. A súa paixón pola imaxe levouno tamén a coleccionar cámaras Leica dos anos cincuenta e sesenta.
Un cineclubista decidido que avogaba por dotar a Galicia dunha expresión fílmica
En Ourense Carlos Casares frecuentaba primeiro o cineclub Ourense e despois o Padre Feijoo, ao que se anotou en novembro de 1973, asignándoselle o número 28 como socio. Por ese tempo, mantivo unha estreita relación co activismo cinematográfico ao abrigo do citado cineclub, vinculado á Escola de Formación do Profesorado de EXB, con Emilio Losada e Xosé Paz á fronte. Participou en xaneiro de 1974 nas Xornadas de Cine en Ourense, lideradas polo xornalista Luís Álvarez Pousa, ás que levaría como conferenciante a quen sería o seu mentor, Ramón Piñeiro, ademais de participar nas edicións de 1975 e 1978 en debates a carón de Xosé Luís Méndez Ferrín, José María Bandrés, Elías Querejeta e Fernando Lara, entre outros.
Daquela Carlos Casares xa amosaba o seu compromiso coa idea dun cine propio. Aproveitando a publicación en xaneiro de 1974 en La Región dunha necrolóxica do cineasta John Ford, ao fío da recente edición das Xornadas de Cine opinaba sobre «a vontade colectiva de darlle ó noso país os instrumentos necesarios para que o cine galego chegue a ser (empeza a ser xa) unha realidade».