
Está aberto a todos os centros escolares de Galicia de infantil e primaria, co obxectivo de que amosen como celebran o vindeiro día 17
02 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.A Real Academia Galega vén de poñer en marcha o certame Contádenos o voso Día das Letras, dirixido a escolares de ata 12 anos, a través do seu proxecto web Primavera das Letras, accesible no enderezo primaveradasletras.gal. Está aberto a todos os centros escolares de Galicia de infantil e primaria, co obxectivo de que amosen como celebran o vindeiro día 17, este ano dedicado á figura e á obra de Carlos Casares.
As iniciativas a concurso serán compartidas neste espazo web, onde xa están dispoñibles dezasete actividades interactivas, fichas didácticas e fichas didácticas para colorear arredor da biografía e os libros de Casares. Cada centro poderá participar co número de proxectos que desexe, tanto os que abranguen a toda a comunidade escolar, como os que se organicen por aula, curso ou etapa. O xeito de participar é mediante o envío das ligazóns das súas webs ou blogs ou o material das súas iniciativas ao correo contacto@primaveradasletras.gal. O prazo remata o vindeiro 21 de xuño. Entre os participantes sortearanse lotes de libros á volta das vacacións de verán.
Propostas didácticas
Primavera das Letras estreouse o ano pasado coa celebración dedicada a Manuel María. Neste 2017 a iniciativa ofrece propostas didácticas arredor de Casares para docentes, familias e estudantes, cun enfoque interdisciplinario que non se limita á lingua e á literatura, senón que busca desenvolver competencias en eidos como o medio natural e social, a historia ou a educación artística, empregando a figura do autor homenaxeado.