O escritor homenaxeado co Día das Letras foi un visionario en moitas facetas da súa obra literaria, que acabou por adquirir as calidades das obras atemporais
13 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.Carlos Casares morreu prematuramente aos sesenta anos, pero deixou unha obra tan ampla como variada, na que escribiu relato, novela, ensaio e creacións para lectores novos e mozos, ademais de varias traducións. Nesa extensa traxectoria, iniciada moi novo, Casares puido concretar varias propostas que destacan polo seu carácter pioneiro, impulsado por un desexo de renovación da literatura galega.
Unha das mostras máis temperás desa visión foi o tránsito rápido da poesía, xénero maioritario ata daquela entre quen escribían en galego, pola narrativa, que carecía aínda dun número de obras significativas. Non obstante, esa aposta obedecía tanto a unha aguda consciencia da historia da literatura do país como do esforzo por conectala con outras correntes das letras universais. Deste xeito, a pegada de autores como Pavese ou Camus traduciuse no desenvolvemento dunha narrativa que renovou tanto en temas como no formal as letras galegas.
Se o seu debut, Vento ferido, era máis transparente nesas fontes, a seguir Casares elixiu para Cambio en tres un tema clásico de Galicia, a emigración, pero formulado dende un experimentalismo formal que se apoiaba no monólogo interior. Igualmente, en Xoguetes para un tempo prohibido valeuse do formato da novela de iniciación para achegala, dende unha perspectiva renovada, ás vivencias da súa xeración.
Os escuros soños de Clío, incluído na Biblioteca 120 de La Voz de Galicia, foi un eloxio á capacidade lúdica que tamén ten a alta literatura, e iniciaría un punto de inflexión que se completaría co humor e a reivindicación da tolerancia que supuxo Ilustrísima. Estas obras tamén sinalan un proceso de depuración e refinamento do estilo de Casares, á procura dunha sinxeleza -resultado de moito traballo- e claridade que se converterían no vehículo privilexiado para as ideas complexas e cheas de matices das achegas posteriores, Deus sentado nun sillón azul e O sol do verán: unha viaxe estilística e reflexiva que o converteu nun clásico xa en vida.
Se o rápido tránsito da poesía á narrativa respondía a paliar unha eiva na literatura galega, Casares tamén foi consciente dende os inicios da súa carreira da necesidade que Galicia tiña doutros xéneros, como o teatro e as creacións para a mocidade. Así escribiu As laranxas máis laranxas de todas as laranxas e A galiña azul, libros que abrirían un vieiro polo que seguirían a serie de cinco libros protagonizados por Toribio ou Lolo anda en bicicleta.
O mesmo espírito pioneiro o levou a subliñar a importancia da tradución, tanto para dar a coñecer a literatura galega fóra como para ler nesta lingua a clásicos e contemporáneos, e el mesmo verteu a Saint-Exupéry, Hemingway ou Torrente Ballester.
Por último foi tamén consciente das posibilidades divulgadoras do artigo en prensa, que cultivou con mestría en La Voz nas súas columnas de Á marxe.
Adaptacións teatrais e emisión de documentais en televisión
Son diversas as iniciativas que conmemoran a vida e a obra de Carlos Casares arredor da data central do 17 de maio. A véspera, estréase no Salón Teatro de Santiago unha «aproximación escénica» a un dos seus libros fundamentais, Os mortos daquel verán. A dirección corre a cargo de Artur Trillo e a montaxe é unha coprodución entre Talía Teatro e o Centro Dramático Galego.
Ademais, a TVG ten en marcha unha programación arredor de Casares que se repartirá por varios espazos. Por exemplo, o domingo Vivir aquí emitirá un especial que recolle lembranzas e anécdotas contadas polo propio escritor. Na segunda canle da televisión autonómica, o martes emitirase Pegadas na memoria. Carlos Casares, seguida de Outro verán, de Adrián Castiñeiras, adaptación dun dos relatos de Vento ferido.
Paixón polos trens
O propio día das letras, ZigZag Diario terá no estudio a Christian Casares, quen falará da faceta como pai do escritor. A seguir, emitiranse dúas pezas documentais: Por amor á arte, sobre as súas inquedanzas intelectuais, e Camiños de ferro, centrada na súa paixón polos trens e o mundo ferroviario.
Pola súa banda, o Diario cultural da Radio Galega emitirá dous especiais, o martes e o mércores, no que arredor de vinte especialistas na obra de Casares analizarán polo miúdo a súa traxectoria literaria.
La Voz entrega un suplemento sobre o autor e ofrece un volume coa súa biografía
Como é habitual, La Voz de Galicia súmase á celebración do Día das Letras na persoa e a obra de Carlos Casares con dúas publicacións en torno á vida e os libros do escritor. Trátase dun suplemento especial de 24 páxinas, que se entregará gratuitamente co xornal do vindeiro luns, así como un volume biográfico, que se ofrecerá co xornal do propio 17 de maio.
O suplemento abrangue unha panorámica que toca todas as facetas de Casares, dende o escritor ao xestor cultural, pasando polo seu retrato máis íntimo, do que se ocupan os seus fillos Christian e Hakan Casares, este último centrado na súa biblioteca. Canda eles, escriben tamén Víctor F. Freixanes, Ramón Villares, Xosé Luís Barreiro Rivas, Roberto Blanco Valdés, Federico Cocho, Ramón Nicolás, Luís Pousa, Ramón Loureiro, Héctor J. Porto e Xesús Fraga.
A biografía Carlos Casares. O neno que quería xogar co mundo, que se ofrecerá co xornal do mércores por 1,95 euros mais o cupón impreso no lombo, é un cumprido percorrido pola vida do escritor a cargo de Antón Riveiro Coello, tamén autor dunha extensa obra narrativa e bo coñecedor da traxectoria literaria e o universo persoal de Casares. Riveiro Coello concibiu ademais a súa biografía coma se fose un conto, algo que sen dúbida entusiasmaría ao propio Casares.
Un cupón da ONCE para o 17 de maio
O día 17 a figura de Carlos Casares e as letras galegas protagonizarán o cupón da ONCE, que foi presentado onte por Hakan Casares, da fundación do autor; Víctor F. Freixanes, presidente da RAG, e os directivos da ONCE Manuel Martínez Pan e Carlos Fernández Lamigueiro.