Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

«O mar é unha fronteira propia do realismo máxico»

borja casal / x. f. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

EDUARDO PEREZ

A escritora Vanesa Santiago presenta a novela coa que gañou o Illa Nova, unha reinterpretación do xénero das viaxes

13 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Vanesa Santiago (Fontán-Sada, 1983) vén de gañar o premio Illa Nova de Narrativa, que organiza Editorial Galaxia para menores de 35 anos. A presentación do libro, A vida sinxela de Marcelo Firmamento, será hoxe na Coruña e terá lugar en El Corte Inglés de Ramón y Cajal ás 20.00 horas. Esta é a segunda novela dunha autora moi influenciada pola tradición oral e o mundo do mar.

-¿Que lle contaría sobre o protagonista, Marcelo Firmamento, a un posible lector?

-Pois que Marcelo é un mariñeiro e veciño de Sada, que nace dun xeito que xa presaxia unha vida algo diferente a do resto de veciños. Coido que á xente vaille interesar porque vai vivir unha serie de aventuras que mesturan fantasía e realidade.

-¿Cando nace a «A vida sinxela de Marcelo Firmamento»?

-De verterse no papel, nace cando aparece a convocatoria para o premio, porque ata entón non tiña escrito nada do libro. Creo que é unha historia que se foi desenvolvendo comigo dende a nenez, xa que conto cousas que eu mesma vivín ou que me contaron, e que xa estaban aí para saír á superficie.

-No libro hai unha forte pegada da tradición oral. Como escritora, ¿que supón esta forma de narrar?

-Inflúeme moitísimo. Dende cativa escoitei contos por parte da miña familia e amigos. Creo que esa arte da oralidade, de contar historias, está presente na cerna do ser humano.

-O protagonista escoita moitas lendas que rachan coa liña entre o real e o fantástico. ¿Influíu o realismo máxico na concepción da novela?

-Si, creo que o realismo máxico nace en Galicia, aínda que logo estoupa cos escritores suramericanos. O noso propio contorno xa nos leva cara a el, cunha paisaxe chea de néboa que sempre che dá por pensar no que hai máis alá.

-¿Cre que este premio será un impulso na súa carreira literaria?

-Penso que si. Contar co respaldo dunha editorial tan forte como Galaxia é un pulo que naturalmente marca diferenza coa miña situación anterior, na que tiña algunha cousa publicada, pero coa que non acadaba a visibilidade que estou conseguindo agora.

-No mes de agosto volven os relatos de verán de La Voz. ¿Que supuxo publicar un dos seus textos, «A chamada do mar», con 16 anos?

-Foi a primeira experiencia de saír á luz e significou moito para min. Á parte de ser unha lectora empedernida dende que descubrín que as letras contaban historias, sempre tiven esa cousa de escribir os meus propios relatos. Antes de participar non sabía o que ía supoñer para min o feito de descubrir que outras persoas descoñecidas podían ler o que ti escribiras. Abriume un mundo novo.

-Xa nese primeiro relato fala do mar. ¿Sempre estivo presente na súa escrita?

-Si, de feito eu creo que en certo modo A vida sinxela de Marcelo Firmamento é case como un desenrolo desa pequena idea, desa pequena semente de A chamada do mar.

-Ademais de escritora, traballa como bibliotecaria. ¿Como é iso de estar todo o día rodeada de historias?

-A verdade é que nunca teño moi claro se son unha bibliotecaria que escribe ou unha escritora que traballa como bibliotecaria. O que teño claro é que sempre vou facer algo relacionado coas historias, con ese imaxinar, porque creo que os seres humanos necesitamos eses mitos e eses soños para seguir avanzando.