Palabra e amizade, as grandes paixóns de Carlos Casares

Cándida Andaluz Corujo
CÁNDIDA ANDALUZ OURENSE / LA VOZ

CULTURA

Miguel Villar

O escritor ourensán foi homenaxeado na Insua dos Poetas nun acto literario e de exaltación da lingua

16 jul 2017 . Actualizado a las 18:38 h.

«En la poesía no hay final feliz. Los poetas acaban viviendo su locura. Y son descuartizados como reses (sucedió con Darío). O bien los apedrean y terminan arrojándose al mar o con cristales de cianuro en la boca. O muertos de alcoholismo, drogadicción, miseria. O lo que es peor: poetas oficiales, amargos pobladores de un sarcófago llamado Obras Completas». O presidente da Fundación Insua dos Poetas, Luís González Tosar, comezou con este poema do autor mexicano José Emilio Pacheco unha nova edición da Festa da Palabra que onte rendeu unha homenaxe especial a Carlos Casares. No nome dos amigos do escritor ourensán falou Damián Villalaín. Relatou que a pesar do espírito cosmopolita de Casares, Ourense era a súa patria e a Limia a súa primeira tribo. Por iso o acto de onte foi diferente aos anteriores. Non se falou tanto da súa obra como da súa forma de estar no mundo e de relacionarse. E, sobre todo, da súa extraordinaria labor de cara á normalización da lingua. Deste xeito, Villalaín lembrou a gran importancia que tiveron os seus artigos Á marxe de La Voz de Galicia, converténdose nun dos espazos máis vistos do xornal. «Iso só podía facelo el», sinalou.

O irmán da Casares, Xavier, e o seu fillo Christian estiveron presentes neste festexo, no que tamén houbo un recordo especial para a muller do escritor, Kristina Berg. A primeira parte do encontro rematou co texto Amemos, de Casares, musicalizado polo grupo Gelria: «Amemos o tempo que turra de nós e que nos leva. Inda que o ceo está azul e non hai nubes e non chove, sempre é cedo pra o froito que agardamos e non chega».

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, visitou a Insua dos Poetas, no Carballiño, para participar na celebración. Salientou «o importante traballo que Casares fixo ao longo da súa vida para o fomento do libro e a lectura. É un dos artífices desta Galicia que pode asumir os retos do século XXI». Tralos discursos tivo lugar o descubrimento dunha peza escultórica de Buciños titulada Vento ferido e do texto gravado en pedra, que quedará para sempre na Insua dos Poetas xunto coa memoria de Casares e do resto de escritores homenaxeados nas nove edicións anteriores.

A Festa da Palabra continuou coa entrega dos premios Setecarballas da Insua dos Poetas, que este ano recaeron en Antón Pulido, Miguel Anxo Fernán-Vello, o Centro Partido do Carballiño en Buenos Aires, a plataforma Ríos Limpos, Carlos Guitián, o Diario Cultural da Radio Galega e o grupo de teatro Tiruleque do Carballiño. Luís González Tosar anunciou que o ano que vén a homenaxe será para o escritor Víctor Campio Pereira.