A serie infantil «Os Argonautas» poderá verse en galego desde a vindeira semana

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Sandra Alonso

Á proposta da CRTVG únenselle novos episodios en castelán en Clan

13 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Non só ten escenario galego, protagonistas galegos e produtores galegos, senón que a serie infantil Os Argonautas e a moeda de ouro tamén chegará á rapazada en lingua galega a vindeira semana. A ficción que recolle as aventuras dun grupo de amigos durante o verán poderá verse nunha nova plataforma dixital da CRTVG. Esta versión en galego foi preestreada onte ante uns douscentos estudantes composteláns no Auditorio Abanca de Santiago, que puideron seguir as aventuras de Alba, Lucas, Sali, Olivia e Nil, así como de Nuno e Bruna. «Van estar dispoñibles os cinco primeiros capítulos e logo vanse incrementar», detallou o director de Contidos da CRTVG, Fernando Ojea, nun acto no que tamén participaron o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o director da Agadic, Jacobo Sutil; así como o produtor executivo da serie, Alfonso Blanco; a súa directora, Lucía Estévez; e parte do elenco, entre eles os intérpretes noveis Aliyah Fidalgo, Sarela Montes, Brais Sixto, Claudia Pujaldes, Juan Rodríguez, Lúa Varela e Xoel Río.

Ademais de iniciar andaina en galego, a serie tamén ten continuidade en castelán coa segunda quenda de dez capítulos en Clan. Desde hoxe a ficción dirixida á rapazada de entre oito e doce anos emitirase os sábados e domingos ás 20.00 horas na canle infantil de TVE. Esta noite recuperará os episodios sete, oito e nove, e mañá domingo repetirá o número dez para iniciar xa a emisión dos novos, o once e o doce. Los Argonautas y la moneda de oro conta con vinte capítulos que se gravaron no verán do 2022 entre Laxe e A Coruña.

Esta ficción é unha coprodución de TVE e Portocabo, que conta co apoio de Televisión de Galicia e do Hub Audiovisual da Xunta de Galicia, así como a colaboración de Voz Audiovisual. Trátase da primeira serie infantil de imaxe real de Clan dirixida a público infantil. «Foi un proxecto longamente buscado xa que había unha eiva no sector de que non se fan series para nenos», asegurou Alfonso Blanco, CEO de Portocabo e produtor executivo de Los Argonautas. Agora agardan poder seguir facendo novas tempadas, «porque estes rapaces ben o merecen». Ademais, desexa que este proxecto serva «para abrir camiño para que estas producións non sexan unha excepción». O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, salientou o carácter pioneiro desta ficción. «É algo que se fai por primeira vez en España», apuntou, engadindo que «este é un proxecto que nos dá moito orgullo e que vai promocionar Galicia e o noso sector audiovisual en toda España e en todo o mundo».

A directora da serie, Lucía Estévez, detallou a importancia que ten Laxe —na serie convertida en Rodas— na historia, xa que a paisaxe se converte nunha personaxe máis. Ademais, apuntou que «trabajar con los niños fue muy cómodo porque abrimos también un espacio para que ellos se sintiesen creadores y aportasen al guion». E os intérpretes describiron a súa participación na serie como «inesquecible» e «xenial». Resaltaron que o pasaron moi ben na rodaxe e a máis dun gustaríalle seguir traballando como actor e actriz. Polo de pronto, o grupo de amigos da serie trasladouse á realidade.

A rodaxe marcou aos novos actores e actrices. «Os primeiros días foi divertido, pero tamén algo complicado», explicou Sarela Montes. Para Xoel Río o maior reto foi meterse nun personaxe «que non vai nada co que eu son». Tamén Aliyah Fidalgo tivo que superar o medo os bechos para meterse no papel. O caso contrario é o de Juan Rodríguez, que apuntou que non lle custara nada. «Practicamente era ser yo», relatou. Pero é Lúa Varela a que resume: «Sempre nos levantabamos coa alegría de ir xogar cos nosos amigos». A repercusión da serie da que xa se puideron ver dez capítulos en castelán en Clan desde o pasado xullo lévana ben. «Moitos chámanme Lucas», apunta Brais Sixto. Gustaríalle seguir traballando no audiovisual? Para todos eles foi a súa primeira experiencia, aínda que algún xa facía teatro. «Sí que me gustaría, pero teniendo también otro trabajo porque es difícil conseguir ser actriz», responde Clauda Pujaldes. Outros están dispostos a continuar por esta senda «e mellor se fora todos xuntos».