Cristina González gaña as 6 horas de Vilafranca del Penedés

Vilagarcía / La Voz

DEPORTES

15 oct 2014 . Actualizado a las 04:56 h.

Penúltimo test de carreira de Cristina González de cara á súa participación no Campionato do Mundo de 100 Quilómetros do vindeiro mes en Doha, Catar, e novo triunfo da ultrafondista vilagarciá. A deportista do Bikila impúxose o sábado nas 6 horas de Vilafranca del Penedés. E fíxoo ademais a nivel absoluto, gañándolles tamén aos séniores masculinos participantes.

González cubríu 75,6 quilómetros, logo de baixar as súas prestacións na derradeira hora, na que pasou dunha media de 13 quilómetros/hora que a proxectaban ata os 77.000 metros, aos 11 da última sexta parte da carreira. O adestrador da ultrafondista, Alberto Meléndez, supoñía onte que a redución final de Cris puido vir dada pola acumulación de adestramentos que leva enriba, ou quizais por un défice de alimentación durante a proba, que se disputou de catro da tarde a dez da noite.

Con este triunfo, a deportista arousá encadea tres fins de semana subíndose ao máis alto do podio, logo de gañar o cadro sénior feminino nas medias maratóns de San Javier e de Mazarrón. O maratón de Murcia, o 4 de novembro pechará a preparación mundialista de González.