Valdeorras acollía en 1988 a gravación de «Sempre Xonxa», de Chano Piñeiro
13 oct 2013 . Actualizado a las 07:00 h.Vigo. 1989. Cinegalicia. Estrea das tres primeiras longametraxes galegas: Sempre Xonxa, Continental e Urxa. A cidade era o punto de encontro, había que estar, toda a xente vencellada ao sector audiovisual se diu cita nunha proposta que se anceiaba dende tempo atrás e que se concebía como unha maioría de idade... o paso do Rubicón do audiovisual galego. Certo era que se fixeran cousas antes, e o recoñecemento aos pioneiros sempre estivo aí, mais a «longa» era a particular pedra Rosetta, a que lle abriría a Galicia as portas dun cine de seu e dunha historia propia no sector audiovisual.
A historia seguiu, cos seus momentos bos e malos, e o cine galego é hoxendía unha realidade. Ben certo que non a que se desexaba naquel ilusionante 1989 de proxeccións no Cine Fraga e conversas e sobremesas maratonianas, mais coa vista atrás é de xustiza recoñecer que Galicia se dotou dos centros de formación que daquela non había, dunha importante nómina de profesionais e dunha industria, feble pero real, que mantén o pulso do sector.
Daquela trepia que ía fundar o cine galego, o tempo e o percorrido fixeron de Sempre Xonxa a primeira longametraxe galega, unha película que se comezou a rodar en 1988 e que tivo na zona de Valdeorras o seu epicentro. Sempre Xonxa, a película dirixida polo forcaricense Chano Piñeiro, mestura algúns dos elementos esenciais da sociedade galega do século XX: unha historia de amor, amizade e traizón pola que percorren os hábitos e costumes do rural galego, a emigración e o paso do tempo como protagonista. Chano Piñeiro quixo ambientar a historia en tramos de idade dos seus protagonistas, de adolescentes a personaxes maduros, e que se refrexase na película as diferentes estacións do ano. A teima do director fixo que a rodaxe se prolongase máis dun ano, con problemas para manter os equipos técnicos e conseguir financiación.
Piñeiro viña de conseguir un recoñecemento internacional coa mediametraxe Mamasunción, e logo de Esperanza acometeu a súa primeira longametraxe. A súa morte temperá, en 1995, impediu que seguise desenvolvendo a súa teima por dotar a Galicia dun cinema de seu.