Terreboredo acolle mañá unha feira a cuberto con artesanía e oferta cultural co mar como eixe
A ESTRADA
A localidade de Terreboredo (A Estrada) acolle mañá sábado unha nova feira de artesanía e cultura organizada pola casa rural Terra de Rebolos, sede do obradoiro de repostería Namoreiras. Desta volta, a feira terá o mar como eixe e levará por título O mar en terra. Desenvolverase a partires das 11.30 horas no entorno do obradoiro desde o que María Rivas e Uxío Alho levan a cabo un proxecto integral de dinamización rural e defensa da identidade.
A feira de artesanía celebrarase baixo unha carpa na que poderán atoparse distintos postos relacionados co mar. Haberá postos de camisetas e estampacións, creacións con refugallos do mar de Aura Noctis, xabóns de Pai Presencia, artesanía téxtil de María Gaiteiro, suadorios de Amorote, publicacións de Patadepeixe ou un obradoiro de estampación con selos mariños.
Ás 11.30 horas inaugurarase a exposición O mar na obra gráfica de Xosé Conde Corbal. Ás 12.00 presentarase a revista Nova Ardentía, de cultura marítima e fluvial, e ás 12.30 haberá unha charla de Xosé Emilio Ínsua co título Homenaxe a Luis Rei. Farol perpetuo na néboa. A xornada de mañá rematará coa presentación ás 13.30 horas de Patasdepeixe, «a editora anfibia», e cun contacontos a cargo de Laura Parrula, autora do lbiro Monstr3s, que firmará exemplares da súa obra.
Pola tarde, Namoreiras presentará a súa nova caixa da serie Rumbo á liberdade, dedicada ao Novo Emden, un dos barcos que axudaron a fuxir aos represaliados franquistas. Ás 18.00 horas haberá unha conversa sobre o patrimonio marítimo e a partir das 20.00 horas actuacións musicais con De Tazas, Recanto de Ouzande e Manolo Bacalhau. A xornada rematará cnha foliada aberta. O programa complétase cunha exposición de mascaróns, velas, poleas e cabos do artista Olláparo, outra de acuarelas mariñas do poeta Xosé Iglesias e linograbados de Sebastián Camacho.